NOTICIA

----

Ana Carreira e Joana Craveiro abren o ciclo de outono do programa do Consello da Cultura Galega “Dramaturxias itinerantes”

Hoxe comeza en Santiago a edición de outono do programa “Dramaturgias itinerantes/Dramaturxias itinerantes” cunha sesión que permitirá coñecer o traballo dunha das figuras de referencia da dramaturxia portuguesa actual: Joana Craveiro. Canda ela estará a contacontos e actriz galega Ana Carreira. Son as voces encargadas deste programa que se repetirá o mércores en Vigo e o xoves en Monção. Este proxecto xorde da colaboración entre o Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e, desde esta edición, a rede Comédias do Minho.

Esta tarde teremos ocasión de escoitar os textos dramáticos de Ana Carreira e Joana Craveiro. Pola banda galega trátase de “Un intre antes do solpor”, que foi galardoado co Premio Varela Buxán de Dramaturxia en 2014 e que conta os últimos solpores dunha parella de anciáns. Un diálogo no que emerxe a nostalxia e a dor, pero tamén a busca da beleza, a pesar da inminencia do final. Pola súa parte, a creadora portuguesa tráenos “Atalhos, ou sobre o caminho mais comprido entre dois pontos”, un texto documental sobre un grupo de mozas e mozos que parte nunha viaxe evocativa por diversas noticias de xornais e que será presentado polo alumnado de Joana Craveiro na Escola Superior de Artes e Design das Caldas da Rainha, Portugal.

Á sesión que terá lugar no Consello da Cultura Galega, seguiranlle dúas máis: unha o mércores (16:30 horas) na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD); e o xoves 3 de outubro en Monção, no Teatro João Verde.
Alén dunha nova escolla de textos dramáticos, a edición deste outono conta con outra novidade: a participación das Comédias do Minho, unha rede cultural da rexión do Val do Minho que inclúe os cinco municipios portugueses de Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira. Trátase dun proxecto cultural adaptado á realidade socioeconómica desa rexión e, por tanto, cun enfoque especial na integración da poboación, a partir da construción de propostas de efectivo valor participativo e simbólico por e para as comunidades. O enfoque central das Comédias do Minho, desde a súa creación en 2003, é o teatro. A integración desta entidade como colaboradora deste programa supón un interese notable para a relación bilateral entre Portugal e Galicia no relativo á produción e intercambio teatrais. Coma en anteriores encontros literarios —organizados en colaboración co Instituto Ramon Llull e co Instituto Etxepare—, o Consello da Cultura Galega publica na súa web os textos dramatizados na xornada coa finalidade de seguir a estreitar os vencellos entre a cultura galega e a portuguesa, co teatro como aliado na construción dun espazo común e diverso no que existirmos e dende o que falar coas nosas propias voces.

Dramaturxias itinerantes/dramaturgias itinerantes
O programa naceu na pasada primavera co obxectivo de servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida agromar en futuros traballos colectivos. Aquela primeira cita tivo lugar en Compostela e Vigo, cos textos das dramaturgas Patrícia Portela e AveLina Pérez, nas voces do alumnado da ESAD e de parte do Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Portugués do Camões de Vigo-Eu.Experimento. Desa primeira proposta xa están a agromar os primeiros froitos, porque ambas as autoras están a desenvolver conxuntamente un proxecto que se presentará en Galicia e en Portugal en 2020.