O Consello da Cultura Galega participa en Bélxica na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

A vixésimo novena xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que reúne institucións relacionadas con temática migratoria, arrinca mañá no Red Star Line de Antwerpen (Bélxica). O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio no que abordará as singularidades da nosa emigración. A cita deste ano, que durará ata o sábado, está centrada en coñecer como se documenta a memoria dos movementos migratorios.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A responsable de Acción Exterior, Emilia García López, ofrecerá un relatorio en Antwerpen no que detallará características do fenómeno migratorio galego. Galicia destaca entre as áreas migratorias en Europa durante o período de migracións masivas (1880-1930) e no período posterior (1946-1970). Na súa intervención cuantificará en case 2 millóns os galegos e galegas que abandonaron o seu país para as Américas (principalmente para América do Sur e Cuba), así como para outros destinos ibéricos e europeos, e apenas a metade deles volveu. A migración masiva deixou as súas pegadas en todos os aspectos da historia galega, dende a política ata a vida cotiá. A súa intervención terá lugar o venres, no marco dun panel sobre as diásporas. Emilia García tamén será a coordinadora dunha mesa na que se dará conta das características da emigración polaca.

A AEMI
A Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración. Está conformada por corenta entidades de toda Europa como o Museo Danés de Emigración, o Centro de Documentación sobre as Migracións Humanas de Bruxelas ou a Casa dos Emigrantes de Suecia. Esta cita, pensada para que os membros da AEMI intercambien os seus puntos de vista e investigacións recentes sobre cuestións relacionadas cos diferentes tipos de migracións, organízase cada ano e ten lugar nunha cidade diferente. En 2016, Santiago de Compostela acolleu este encontro, que proporcionou novas olladas da diáspora migratoria europea e a identidade cultural. Actualmente o Arquivo da Emigración Galega asume a tesouraría desta entidade.

Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para as investigadoras e os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para o persoal investigador; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.

En paralelo, o Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior, a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións, e tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.