----

O Consello da Cultura Galega leva a Redondela a mostra que recolle o legado educativo da emigración

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguran mañá en Redondela a mostra “Luces de alén mar”, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver na sala de exposicións do Multiusos da Xunqueira ata o día 31 de outubro.

A emigración galega ten características moi singulares que as distingue doutros movementos migratorios. Entre elas destacan accións solidarias e exemplarmente altruístas de emigrantes que financiaron, construíron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas que propiciaron a escolarización e instrución. Sobre esta dimensión xira “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia”. A mostra naceu ao abeiro dunha efeméride, o centenario fundacional das sociedades galegas de instrución radicadas en América que tivo lugar en 2012. Desde entón a exposición percorreu unha parte representativa dos concellos de Galicia dando a coñecer esta faceta menos coñecida da emigración galega.
A exposición documenta os preto de 250 centros que se fundaron en Galicia e que deron conta dun ideario pedagóxico diferenciado. Estes centros gozaron de híbridos e funcionais plans de estudos; de materiais de ensino innovadores nas escolas do seu tempo; contaron cun profesorado cualificado e impulsaron actividades e institucións complementarias que implicaban acotío os escolares coa veciñanza. Un aperturismo inusitado na Galicia da época que se asentou nas localidades de procedencia dos e das emigrantes.

Colaboración institucional
Esta iniciativa é o resultado dun acordo que asinaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o anterior alcalde do concello de Redondela, Javier Bas, que buscaba establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades. Ese acordo fixaba o préstamo de exposicións como a que agora se inaugura e unha actividade anual na illa de San Simón aproveitando o vínculo coa época medieval (que este ano tivo como título “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías”, que permitiu coñecer proxectos como a tecnoloxía que contribuía á recuperación e difusión do noso patrimonio literario, arquitectónico e sonoro medieval) e coa memoria histórica da época na que se instalou alí un lazareto.