----

O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Ciencias e Política Lingüística achegan a figura de Tomás Batuecas á escola

Tomás Batuecas non era galego pero todas as súas investigacións e achegas á ciencia no campo das masas atómicas fíxoas desde Galicia. Por iso, este ano é o homenaxeado co Día da Ciencia en Galicia. Os detalles da súa investigación, xunto cos datos biográficos desde un punto de vista didáctico, figuran na publicación “O químico e a medida. Tomás Batuecas Marugán. Creador da química física en Galicia” que hoxe presentaron os responsables desta iniciativa no Consello da Cultura Galega: Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Juan Manuel Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RACG); e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, mais os coautores da publicación: Manuel Bermejo e Ramón Cid.
O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Ciencias e Política Lingüística achegan a figura de Tomás Batuecas á escola

“Non hai unha cultura científica por un lado e cultura humanística polo outro, só hai cultura. Sen recuperalo non hai futuro. E iso é o que fixemos hoxe, traer á memoria a figura de Tomás Batuecas” apuntou Rosario Álvarez na presentación da unidade didáctica que concentra en dez apartados a biografía e o legado dunha figura fundamental para a química en Galicia. Un dos coautores da publicación, Ramón Cid, explicou esa “obsesión rigorosa sobre a medida e as facetas docente, divulgadora e científica”. O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema, destacou o seu prestixio e abriu o foco para situar a figura no seu contexto. A UNESCO declarou este 2019 como Ano Internacional da Táboa Periódica para conmemorar os 150 anos da publicación, por Dmitri Mendeleev, dunha táboa que permitía ordenar os elementos químicos ata entón coñecidos. Ao fío desta celebración, a RAGC elixiu a Batuecas como figura do Día da Ciencia en Galicia polas súas contribucións no campo das masas atómicas. Batuecas estudou as masas do aluminio, magnesio, silicio, sodio, potasio, arsénico, chumbo pero sobre todo a do carbono e as súas achegas foron relevantes para orientar e manexar as súas aplicacións en innumerables campos do coñecemento e da industria. Uns datos que figuran nunha completa unidade didáctica que conta cunha edición dixital e outra en papel de dous mil exemplares que se van distribuír entre os centros educativos de todo o país. Unha publicación que está en galego, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. A publicación xa se pode descargar no sitio web do Consello da Cultura Galega.

Sobre Batuecas
Tomás Batuecas naceu en Aldeanueva del Camino (Cáceres) en 1893 pero gañou a cátedra de Química Física da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. Así comezou o seu contacto con Galicia, que se prolongou ata o seu pasamento e aínda permanece a través do seu legado.
Impoluto. Esixente. Humilde. Rigoroso. Son moitos os adxectivos da personalidade de Tomás Batuecas que se plasmaron nunha forma de entender e practicar a investigación científica que lle deu tan frutíferos como destacados éxitos. Foi unha figura internacional na determinación das masas atómicas dos elementos químicos a través de dous métodos (as densidades límites e o método picnoroentgenométrico), uns estudos fundamentais con aplicacións en innumerables campos do coñecemento e da industria. As súas investigación levárono á presidencia da IUPAC, (International Union of Pure and Applied Chemistry/Unión Internacional de Química Pura e Aplicada) nun momento no que era completamente novidoso que un investigador ou investigadora acadase a dirección dun organismo mundial desde un lugar periférico como era naquela altura a Universidade de Santiago. Batuecas dirixiu este centro entre os anos 1959 a 1963 pero a súa conexión foi anterior, xa que estivo moi implicado na súa xénese.
Como investigador, Batuecas publicou 139 traballos recoñecidos, dos que 39 se atopan en revistas como “Nature”, “Compste Rendus”, “Helvetia Chimica Acta”.... todas elas de primeiro nivel. E tamén fixo escola, concretamente a chamada “escola compostelá de determinación rigorosa de masas atómicas” desde a que dirixiu e supervisou persoalmente todos os resultados das súas investigacións.

A Ciencia no Consello da Cultura Galega e a súa divulgación
A divulgación da cultura científica é unha constante na traxectoria do Consello da Cultura Galega. Desde a súa creación entendeu que a ciencia era unha parte destacada da cultura e ese empeño traduciuse en publicacións, congresos e iniciativas de moi variados formatos para dar a coñecer unha vizosa e florecente cultura científica que foi, e en certo modo aínda o é, tan descoñecida como notable. No marco desta liña de acción o Consello da Cultura Galega ten elaborado unidades didácticas en colaboración con outras entidades. En 2014, no marco dun convenio de colaboración coa Fundación Barrié, editáronse catro unidades que pretendían achegar biografías de científicos destacados á comunidade escolar. O navegante Pedro Sarmiento de Gamboa, o veterinario Juan Rof Codina, o médico Roberto Nóvoa Santos e o naturalista Ramón de la Sagra son os catro científicos que conformaron aquel proxecto e que se poden descargar tanto desde o web corporativo do Consello da Cultura como desde o da Fundación Barrié.

Dentro do interese do conseguir unha maior divulgación científica, desde a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade traballouse na preparación de materiais amenos para divulgar coñecementos científicos e en lingua galega. Isto traduciuse na edición dunha serie de varias bandas deseñadas como “¿De quen é a auga?” (2000), “O sabor das mazás” (2010), “Parando a marea negra” (2003) ou “Vivir no solo” (con edición en galego, castelán, inglés e francés).