Unha xornada do Consello da Cultura analiza mañá a relación entre a arte e as matemáticas

Por moi afastadas que parezan, as matemáticas e a arte teñen enfoques similares e unha longa historia entrelazada. Requiren creatividade na resolución das súa tarefa e están presentes en numerosas obras artísticas de figuras clásicas como Leonardo da Vinci ou en figuras máis contemporáneas como as de Esther Ferrer. Sobre esta conexión falarase na xornada “Entre as matemáticas e arte” que se celebra mañá, 8 de outubro, no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará ás 10:30 horas esta cita está coordinada por Miguel Fernández-Cid, Asunta Rodríguez e Jesús Pastor Bravo. As intervencións poderán seguirse en directo desde o web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Esta é a terceira sesión dun ciclo que busca analizar as relacións da arte con outras disciplinas e que xa puxo os ollos na relación coa comunicación ou co pensamento. Agora céntrase nun aspecto interesante como son as matemáticas das man de tres figuras moi recoñecidas: Raúl Ibáñez, profesor titular de Matemáticas na Universidade do País Vasco/ Euskal Herriko Unibertsitatea; o pintor José María Yturralde; e o filósofo, poeta e científico, Ignacio Gómez de Liaño. Cada un deles achegará diferentes puntos de vista sobre esa conexión. Para Raúl Ibáñez as matemáticas son unha ferramenta de creación artística; José María Yturralde, a través dunha conversa con Miguel Fernández-Cid, incidirá nas conexións entre pintura e ciencia. E, pola tarde, Ignacio Gómez de Liaño aproveitará a súa experiencia no Centro de Cálculo da Universidade de Madrid para ver a conexións entre a arte e a ciencia. A xornada remata cun coloquio moderado por Asunta Rodríguez no que interveñen os tres relatores.

O ciclo
“Entre a ... e a arte” é o título dun ciclo que arrincou en 2017 coa intención de analizar a relación da arte con outros campos de coñecemento, pero non ao estilo tradicional, tendo como emisor a arte, senón á inversa: cómpre saber como o público e especialistas doutras disciplinas se achegan á arte e á creación desde pensamentos máis ou menos estruturados. En cada sesión deste ciclo, recoñecidos especialistas conten en primeira persoa o seu modo de achegarse á arte, colaborando con artistas ou realizando propostas de claro compoñente creativo. Estas xornadas pretenden que profesionais alleos á xeración da obra artística falen dos procesos artísticos.

Outras noticias que te poden interesar: