O Consello da Cultura Galega inaugura mañá no Museo do Pobo a mostra que recoñece o labor dos coros galegos

Estivo na Coruña onde xurdiu a formación Cántigas da Terra hai máis de cen anos. Despois foi a Ferrol, berce de Toxos e Froles; pasou por Ourense, onde se xestou a coral De Ruada e despois fixo recalada en Pontevedra e Vigo. A mostra Son de Galicia chega agora a Santiago, á cidade que viu nacer a Cantigas e Agarimos, un dos catro coros cuxa traxectoria nos permite construír o relato de como a música e o baile contribuíron á creación da nosa identidade. A mostra organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) inaugúrase este xoves (20:00 horas) no Museo do Pobo galego. Alí estará a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicepresidenta do Padroado do Museo, Concha Losada; Antón Fernández, representante do coro Cantigas e Agarimos; e o comisario, Miguel Anxo Seixas. A exposición poderase ver ata o 3 de decembro.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Son de Galicia é unha mostra que reconstrúe a historia do país a través de trinta paneis que prestan atención á música, ao teatro e á organización social dun tempo. Un discurso expositivo que tamén permite coñecer a historia de catro formacións históricas e as características comúns a todas elas: o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, ou mesmo os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. Ademais, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), haberá espazo para material audiovisual que permitirá ver imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a súa historia e que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o relato con instrumentos, documentos escritos, discos e exemplos da vestimenta e decorados.

Os coros galegos
A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro Aires da Terra, cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo e que nesa época non era considerada como lingua de prestixio. Foi a orixe e o modelo no que se basearon todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contribuír a unha identidade galega nun contexto en que xorde o nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala. Isto é o que se recolle nos primeiros paneis dunha exposición que tamén percorre as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período do romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, a toma de conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no marco dunha Galicia ruralizada. Ademais, tamén exhibiron o intento de crear un modelo de tipismo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo.

A exposición permite ver tamén outras características comúns como o seu carácter afeccionado, non exento de tenzóns e retesías internas, onde os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; pero tamén a súa solidariedade, xa que os coros se sumaron a moitas campañas solidarias de Galicia e de fóra, como recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a prol da construción dalgún monumento a unha figura representativa da nosa cultura, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas... Alén disto, tamén permite ver como actuaron de embaixadores da cultura galega con máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.