O proxecto “Lousas” sube á rede novos rexistros do noso patrimonio en pedra

Non son nin compositores nin músicos son galegos, con todo teñen unha fonda relación co pais. Esta é unha das características comúns dalgunhas das gravacións que poñemos na rede nunha nova entrega da proxecto Lousas. Esta proposta do Consello da Cultura Galega fai público o patrimonio sonoro rexistrado en pedra que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Desta nova entrega hai un panorama sonoro variado entre o que destacan tres pezas que o compositor e barítono Ignacio Tabuyo fai baseadas na tradición galega. Unha das lousas recolle dúas obras de influencia galega: "Dulce sono" e "D'aquí vexo os seus campos", ambas interpretadas polo propio Tabuyo. Son gravacións editadas en 1911 por Gramophone en Barcelona.
Outra das pezas curiosas desta nova entrega permite coñecer a dúas figuras do teatro Alhambra da Habana: Regino López (Asturias, 1861-1945) e Adolfo Colombo (1968-1953). O teatro Alhambra da Habana, que tivo a súa época de esplendor no primeiro terzo do século XX, desenvolve o chamado “Teatro Bufo” onde se caricaturizan ao máximo figuras tipo como “el negro, la mulata y el gallego”. Nunha das lousas publicadas desenvolven o chamado "teatro bufo", que transmite unha imaxe populacheira e divertida dos cubanos e de personaxes de distintos sectores sociais e identitarios (como o galego), sempre cun ton acedo e tentando socavar as condutas morais. Esta lousa de 1915, editada por Victor en New Jersey, recolle "Amor gallego: dúo dialogado" e "A solas", con Consuelo Novoa. Desta volta tamén se publica un dos tangos máis famosos da historia. Chámase “Galleguita”, está cantado por Carlos Gardel e é un clásico.

O Proxecto Lousas
É unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. A iniciativa, que se fixo pública no mes de marzo, posibilita a difusión de rexistros sonoros que van desde a primeira gravación sonora galega que se conserva, que é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904 ata rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; xunto con composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra” interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto….
Este fondo que agora se pon na rede chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización.

Consulta as Lousas