Unha xornada analiza a xestión do patrimonio moble

Segue a ser necesaria e conveniente a política de acumulación de bens culturais nas bibliotecas, nos arquivos e nos museos? Que alternativas hai? Que profesionais deben enfrontar a súa xestión? Son posibles outros modelos para a xestión e a investigación do patrimonio moble? Son cuestións ás que pretende responder a xornada “O patrimonio moble, entre o público e o privado” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e que comeza mañá. Durante dous días, xuristas, arquivistas e profesionais reflexionan sobre quen debe tutelar os bens patrimoniais e a súa forma de xestión. A xornada será inaugurada pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección. Poderase seguir en directo desde o sitio web do CCG.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“O valor de fruición” fixo que os poderes públicos tutelasen o patrimonio con independencia de quen fose o seu propietario. As incautacións e doazóns de fondos privados, desde o século XVIII, os procesos desamortizadores e a incautación de bens eclesiásticos foron algunhas das fórmulas empregadas para primar o público sobre o privado. Esta xornada busca debater sobre se cómpre seguir o mesmo modelo ou buscar novos camiños. Faino cunha estrutura centrada en tres eixes: o patrimonio privado, a análise de fondos e coleccións de orixe privada existentes en Galicia e, por último, aspectos da xestión público-privada.

Primeira sesión: patrimonio privado
José Luis Rodríguez Muñoz, que pertence á Xunta de Cualificación do Ministerio de Cultura e Deporte, abre as conferencias analizando a “Casuística legal e administrativa da integración do patrimonio moble de orixe privada nas BAM”. Deseguido, Josep Fernández Trabal, falará da xestión de fondos e coleccións privadas en arquivos, bibliotecas e museos, con especial atención ao caso do Arxiu Nacional de Catalunya, no que traballa. Pecha esta primeira sesión a profesora da Universidade da Coruña Concha Varela cunha conferencia titulada “E logo, ti de quen ves sendo? Marcas de procedencia nas bibliotecas”.

Segunda sesión: fondos e coleccións privadas existentes en Galicia
A segunda sesión, que terá lugar o martes á tarde, analiza tres casos galegos: o legado de Valle-Inclán, os fondos da Familia Ozores e a colección Gil Varela. Estarán explicados, respectivamente, por Margarita Santos Zas, da Universidade de Santiago de Compostela; Gabriel Quiroga Barro, do Arquivo do Reino de Galicia, e Aurelia Balseiro, do Museo Municipal de Lugo.

A terceira sesión: aspectos da xestión público-privada
Na xornada do mércores terá lugar a terceira sesión que dá voz a responsables de centros galegos e portugueses para que compartan a súa experiencia na xestión mixta deste tipo de bens. A primeira conferencia analiza “Experiências de parceria entre as universidades e os proprietários privados de arquivos de família em Portugal” que defenderá Rita Sampaio da Nóvoa, do Centro de Estudos da População, Economia e Sociedade (CEPESE). Seguindo o que acontece en Portugal, Manuel Braga da Cruz explicará a experiencia da Associação Portuguesa dos Arquivos Históricos Privados. Despois explicaranse dous casos galegos: o da Fundación Barrié, a cargo do seu responsable de Patrimonio e Cultura, Diego Rodríguez, e o de José Antonio Quiroga, do Ecomuseo de Arxeriz.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Esta sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como Teresa Nieto, Beatriz Prieto, Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.

Outras noticias que te poden interesar: