NOTICIA

----

Unha xornada destaca a contribución de Carmela Porteiro no campo da oceanografía

Non foi só unha oceanógrafa experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos, senón tamén pioneira en dirixir centros de investigación, expedicións e representar a España en comités internacionais. A figura de Carmela Porteiro amosa tamén o difícil camiño que percorreron as mulleres de ciencia en Galicia durante o último terzo do século XX. A súa biografía e traballo centran a xornada, coordinada por María Xosé Porteiro e Inma López Silva, que se desenvolve mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) e que podes seguir en directo desde o sitio web institucional.

A súa biografía, os seus estudos e mais a achega de Carmela Porteiro como muller ao mundo da ciencia son os tres eixes sobre os que pivota esta xornada que terá lugar mañá. Comezará coa intervención de María do Carme García Negro, profesora ad honorem da USC, arredor da singularidade da investigación mariña. Despois chegará o momento de catro relatorios en que catro mulleres analizarán a presenza da muller nas investigacións neste eido: Marilar Aleixandre ofrecerá o marco histórico; Victoria Besada tamén falará en clave histórica con perspectiva de xénero, pero centrada no caso do Centro Oceanográfico de Vigo, e Belén Rubio ofrecerá a resposta das científicas no eido da oceanografía en Galicia perante crises, emerxencias e retos. A sesión pecharaa María Loureiro cun relatorio titulado “Como a economía pode axudar á xestión sustentable do mar?”

Á tarde, a técnica do CCG, Mariám Mariño, presentará a cartografía (unha mostra documental en profundidade dunha personalidade concreta que se publica no Álbum de mulleres) que serve de introdución á entrevista que os xornalistas Eduardo Rolland e Manuel Rey lle farán á propia Carmela Porteiro. A xornada concluirá cunha mesa redonda na que tres investigadoras falarán dos retos de futuro. Son Iria Fernández Silva, do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, Universidade de Vigo; Rosa Chapela, do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, e Isabel Riveiro, do Centro Oceanográfico de Vigo, Instituto Español de Oceanografía (IEO).

Sobre Carmela Porteiro
O currículo profesional de Carmela Porteiro está cheo de numerosos fitos. Esta bióloga, experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos, foi investigadora desde os seus inicios no Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e tamén a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar. Como investigadora do IEO, dirixiu expedicións a bordo dos buques Cornide Saavedra e Thalassa e representou a España en numerosos comités de organismos nacionais e internacionais coma a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), STCEF (Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Comisión Europea) ou a estadounidense NOAA (Administración Nacional Oceánica e Atmosférica).

Non é a primeira galega en destacar no ámbito da oceanografía, antes fíxoo Ángeles Alvariño, pero hai moitas máis. Por iso, nesta xornada haberá espazo para o coñecemento, reflexión e debate que permita analizar e descubrir os retos e dificultades das mulleres galegas na investigación científica en Galicia e no mundo.