Patrimonio, igualdade e mocidade centran a acción do Consello da Cultura Galega no 2020

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu esta tarde na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. Alí informou do orzamento da institución para o próximo ano, que será de 2 757 063 euros, o que supón un 2,9% máis que o do presente exercicio. A presidenta destacou que o 2020 non será un ano de transición de cara ao Xacobeo 2021, xa que o CCG prepara un programa arredor de figuras centrais da cultura galega como son a Revista Nós, Concepción Arenal, Luís Seoane ou Ricardo Portela, entre outros. A actividade da institución continuará na liña de buscar novos formatos e unha maior transversalidade na súa actuación, que terá moi presente á mocidade. Rosario Álvarez tamén deu conta da creación dun cuarto arquivo, chamado Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, dada a importancia estratéxica e peso da documentación sobre esta materia coa que conta a institución e que comezará a funcionar no 2020.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O orzamento do CCG ascende a 2 757 063 euros para o 2020, 58 180 máis que en 2019. Con ese importe realizaranse actividades en todas as liñas de traballo presentes ata o momento sempre en consonancia coa liña da transversalidade e busca de novos formatos para novos públicos. Neste sentido, a presidenta destacou que o ano 2020 vai ser especialmente intenso en actividades orientadas cara aos públicos máis novos. Non só con accións dirixidas a eles, senón a darlles voz e a que sexan os nosos interlocutores, a reflexionar sobre eles, non só no ensino senón tamén no seu tempo de lecer.

Figuras centrais da cultura galega
En 2020 cobrarán peso específico a Revista Nós, Concepción Arenal, Ricardo Portela ou Luís Seoane. O ano arrinca co bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, para o que están programadas actividades en espazos de actuación relacionados co seu legado e coa súa persoa. Seguindo coas efemérides, recuperarase a relevancia da Revista Nós,. Tamén se homenaxeará a figura de Luís Seoane no 110 aniversario do seu nacemento. Ademais, no programa de actividades para 2020 está previsto unha homenaxe ao sonado gaiteiro Ricardo Portela.
Outra das grandes apostas será o Foro Patrimonio e sociedade, un ciclo de grandes mesas de debate orientadas a reflexionar sobre o estado da cuestión do patrimonio actual que arrinca no Día do Patrimonio de 2019 e rematará no mesmo día de 2020.

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A presidenta informou da creación neste 2019 do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), que recolle o traballo feito pola Comisión de Igualdade desde a súa creación. Entre os seus obxectivos está incrementar a visibilización e contribuír a fortalecer a presenza e achegas das mulleres á cultura galega así como ser un lugar de consulta do material relativo ás mulleres na sociedade. O CDIF está actualmente en proceso de creación e comezará a funcionar en 2020. Coa creación deste centro potenciarase o estudo, documentación e recuperación da memoria das mulleres e as súas producións, alén de aplicar un enfoque feminista en todo o relativo á cultura e á realidade social vivida en Galicia. Está dirixido por María Xosé Porteiro e conta na súa comisión con figuras relevantes dos estudos de xénero no noso país.

Rendición de contas
A intervención serviu tamén para dar conta do traballo desenvolvido en 2019. No ano compútanse 62 actividades entre seminarios, congresos e conferencias. Tamén tiveron lugar os concertos institucionais xa instaurados no calendario, como son o Concerto das Letras Galegas e No Bico un Cantar. Ademais, arredor da mostra “Son de Galicia”, que permitiu destacar a contribución dos coros galegos na creación da identidade de Galicia, realizáronse dous concertos, un en Ourense e outro en Pontevedra. O apartado de concerto complétase con dúas iniciativas: a que permitiu escoitar o violín recuperado de andrés Gaos e unha foliada habaneira que terá lugar o vindeiro día 7 no Auditorio de Galicia.

No marco da función asesora que o CCG ten establecida por lei, a presidenta destacou tres grandes informes: “Diásporas. Museo da Emigración Galega”, orientado a crear o futuro museo da emigración; “A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia”, realizado a petición dos sectores analizados; e outro que analiza os arquivos públicos de Galicia desde unha perspectiva de xénero. Ademais, emitíronse outros sobre Emprego cultural e Cinema, canda outros tres para a declaración BIC e 30 declaracións de impacto ambiental.

Neste 2019 o Consello da Cultura Galega revisou a relación histórica que une Galicia e Cuba. Fíxoo coa exposición “O soño cubano da emigración galega”, na que se percorren as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200 000 galegos a Cuba. Abrangue desde a chegada dos emigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller emigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana. O apartado expositivo foi especialmente frutífero. Ademais desta, a vindeira semana inaugurarase en Pontevedra a exposición “Inventio Mundi”, que recolle a epopea dos navegantes galegos nos século XI e XVII. Ademais, a presidenta explicou que 8 das exposicións do Consello estiveron en 35 destinos de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Cuba e Estados Unidos.