----

A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa cónsul de Cuba en Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá no seu despacho coa cónsul de Cuba en Galicia, Yahima Martínez Millán. Na xuntanza estableceron colaboracións no marco da revisión histórica que o Consello da Cultura Galega está a realizar sobre a relación entre Galicia e a Habana. A presidenta informouna das vindeiras actividades que revisan esta conexión no momento en que se celebra o 500 aniversario da creación da cidade da Habana.
A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa cónsul de Cuba en Galicia

Na xuntanza estaban presentes o vicepresidente Xosé Manoel Núñez Seixas e o xerente da institución, Marcelino Fernández. Núñez Seixas é, xunto con María Xosé Porteiro, comisario da mostra “O soño cubano da emigración galega” e coordinador do congreso que revisa a relación entre Galicia e Cuba a través da historia, cultura, a política ou o asociacionismo, entre outros aspectos. A mostra inaugúrase o vindeiro día 7 de novembro no Museo do Pobo Galego.