O 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos. Esta é a efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará cun programa que profunda na importancia histórica que esta cidade tivo para Galicia. A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os coordinadores das tres propostas que se concentran no día de mañá: congreso, exposición e concerto.
O congreso
Entre mañá e o venres haberá unha análise histórica, social e cultural a cargo de numerosos expertos galegos e cubanos. O congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas” pretende afondar nas relacións entre estes dous territorios físicos cunha revisión da historia da cidade en clave galega, os movementos migratorios e tamén as pegadas mutuas entre a cultura galega e cubana. Sobre estes eixes centrais falarán os profesores da universidade da Habana Cira Romero, Julio César González Pagés ou Sergio Guerra, xunto con José C. Moya, da Columbia University en Nova York e os profesores da USC, Xosé Manoel Núñez Seixas, Alfonso Iglesias ou Pilar Cagiao, entre outros expertos.
A exposición
“O soño cubano da emigración galega” pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.
A mostra, en palabras de Núñez Seixas, “permitirá coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica. A exposición inaugúrase mañá ás 19:00 horas e estará aberta ata o 22 de decembro.
O concerto
O concerto pretende establecer un diálogo musical entre as ambas beiras do atlántico. Faino a través do proxecto “Foliada habaneira” de Alejandro Vargas Trío máis a participación de Rosa Cedrón. O programa inclúe muiñeiras, habaneiras e unha peza inédita de Chané. O concerto terá lugar no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas e ten entrada libre.
Recursos web
Ademais, seguindo a liña de difusión do patrimonio documental producido pola colectividade galega do exterior, acábase de actualizar na rede o Repertorio da prensa galega da emigración (editado en 1998 e froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra), unha listaxe das publicacións galegas editadas —tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega—, que están relacionadas co feito migratorio. En total hai unhas 756 referencias hemerográficas correspondentes a publicacións que presentan unha variada tipoloxía: boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, prensa política, e publicacións institucionais, entre outros documentos.