Un especial web pon en valor o labor social e cultural do Centro Galego da Habana

O Arquivo da Emigración Galega acaba de facer público o especial “Centro Galego da Habana”, no que destaca o labor social e cultural deste centro, referente da colectividade galega residente en Cuba. A iniciativa dase a coñecer na semana na que o Consello da Cultura Galega revisa a conexión galega coa cidade da Habana a través dun congreso e unha exposición, ao tempo que se celebra o aniversario da creación deste centro en novembro de 1879.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Creado en 1879 Centro Galego levou a cabo un intenso labor educativo, a prol da alfabetización e formación dos seus socios e despois de toda a poboación habaneira, coa creación do Plantel educativo Concepción Arenal. Tamén destacou no ámbito hospitalario e asistencial, sendo propietario dunha das máis importantes organizacións sanitarias da illa, La Benéfica. Ademais, o Centro foi o responsable de numerosas melloras da vida cotiá dos galegos residentes na illa caribeña.

Este especial pretende difundir os logros do centro, lembrar o seu pasado como máximo referente da colectividade galega residente en Cuba, sen esquecer aos galegos e descendentes que alí viven e manteñen a pegada da cultura galega na illa.


Visita o especial "Centro Galego da Habana"