Expertos destacan no Consello da Cultura Galega a profunda relación histórica coa Habana

“Hai un vínculo que nos une dunha maneira especial coa Habana” indicou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración do congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas”. A primeira sesión serviu para coñecer a historia galega desta cidade e a pegada cubana na nosa literatura. A cita continúa este venres 8 coa análise dos movementos migratorios entre ambos territorios e as influencias culturais mutuas da man de Pilar Cagiao, Xosé Manoel Núñez Seixas, Cira Romero ou Luis Toledo Sande. Como complemento do congreso, no serán deste xoves inaugurouse no Museo do Pobo a mostra “O soño cubano da emigración galega” (aberta ata o 22 de decembro) que recupera a fortaleza, continuidade e visibilidade da presenza galega na capital cubana. Ademais, o Auditorio de Galicia acolleu o concerto “Foliada Habaneira” a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a co-coordinadora da xornada, María Xosé Porteiro; a consulesa de Cuba en Galicia, Yahima Martínez; e o Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda foron os encargados de inaugurar un congreso cheo de significación polo vínculo especial entre ambos territorios. A presidenta Rosario Álvarez destacou na apertura que tres dos principais símbolos que marcan a nosa identidade, como son a bandeira, o escudo e o himno, foron froito do espírito creador emigrado na illa. María Xosé Porteiro, que xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas coordina este congreso, destacou que “estamos aquí para celebrar un aniversario”. E é que o 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos. O programa deseñado polo Consello da Cultura Galega para celebrar esta efeméride arrincou en Cuba o pasado mes de outubro e chega agora a Santiago.

A relevante conexión entre Galicia e Cuba
O historiador Vicente Sanz foi o encargo de trazar o contexto da Habana na época tardocolonial, no século XIX. E Sergio Guerra, profesor da universidade da Habana, aproveitou para destacar a pegada galega na propia historia urbana da cidade. O profesor da Columbia University José C. Moya, estableceu fíos de conexión entre A Habana e outras cidades como Bos Aires ou Nova York que foron “durante moitos anos eminentemente masculinas como consecuencia de ser centro de acollida de inmigrantes de longa distancia”. Unha situación que, segundo explicou, mudou nos últimos cincuenta anos. Ademais, explicou que en Cuba “permanecen moitas prácticas culturais vencelladas a Galicia, como comer o caldo, pero que non conservaron a súa identidade galega. Non teñen memoria”. Na súa intervención tamén destacou que o descubridor de Cuba era un galego: Sebastián Ocampo “aínda que non sabemos se era de Tui ou de Noia” puntualizou.
Entre todos eles axudaron a trazar un vínculo especial de Galicia coa capital cubana que foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo dunha conexión que traspasou o social e chegou á literatura. Na sesión da tarde Rosa Aneiros, María Xosé Porteiro, Xabier Alcalá e Xerardo Agrafoxo destacaron a pegada habaneira nas súas novelas.

A exposición
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente do Padroado, Xusto Beramendi foron os encargados de inaugurar no Museo do Pobo “O soño cubano da emigración galega”. Unha mostra que percorre as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.
Xosé Manoel Núñez Seixas é, xunto con María Xosé Porteiro, o comisario desta mostra e destacou que “permite coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. Núñez Seixas recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica. A exposición estará aberta ata o 22 de decembro.

Especiais web
O Arquivo da Emigración Galega acaba de facer público o especial web “Centro Galego da Habana” no que destaca o labor social e cultural deste centro, referente da colectividade galega residente en Cuba. Este especial pretende difundir os logros do centro, lembrar o seu pasado como máximo referente da colectividade galega residente en Cuba, sen esquecer aos galegos e descendentes que alí viven e manteñen a pegada da cultura galega na illa

Creado en 1879 Centro Galego levou a cabo un intenso labor educativo, a prol da alfabetización e formación dos seus socios e despois de toda a poboación habaneira, coa creación do Plantel educativo Concepción Arenal. Tamén destacou no ámbito hospitalario e asistencial, sendo propietario dunha das máis importantes organizacións sanitarias da illa, La Benéfica. Ademais, o Centro foi o responsable de numerosas melloras da vida cotiá dos galegos residentes na illa caribeña.

Ademais, seguindo a liña de difusión do patrimonio documental producido pola colectividade galega do exterior, acábase de actualizar na rede o Repertorio da prensa galega da emigración (editado en 1998 e froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra), unha listaxe das publicacións galegas editadas —tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega—, que están relacionadas co feito migratorio. En total hai unhas 756 referencias hemerográficas correspondentes a publicacións que presentan unha variada tipoloxía: boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, prensa política, e publicacións institucionais, entre outros documentos.

Outras noticias que te poden interesar: