Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza exemplos e prácticas de economía circular que se desenvolven en Galicia

Empresas que se dedican a reparar obxectos, alugalos ou intercambialos. Programas deseñados para aproveitar o lixo orgánico dos fogares. Iniciativas encamiñadas a lle dar un novo uso ao refugallo derivado das obras de reparación das vivendas. Todas estas iniciativas comparten un denominador común: reutilizar. Sobre isto fala a xornada “Camiñando cara a unha economía circular en Galicia”, que mañá mércores se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). A proposta pretende expoñer proxectos e modelos de empresas e iniciativas sociais que poñen en práctica unha nova forma de entender a economía: a da reciclaxe. Dolores Vilavedra, secretaria do CCG, e Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, inaugurarán este encontro que se pode seguir en directo a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Acabouse a economía liñal de “usar e tirar”. Agora toca o tempo de redeseñar, reducir, reutilizar, reciclar, reparar, restaurar, rexenerar. Son as 7R sobre as que fala a xornada organizada por María Teresa Barral e María Loureiro que se desenvolve ao longo de todo o día de mañá. Comeza cunha conferencia marco sobre a situación xeral en Galicia que dará a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, e que leva o mesmo título que a xornada. Despois, Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da Universidade de Santiago de Compostela, falará dos retos e oportunidade da economía circular.

A sesión da mañá conclúe cunha mesa redonda na que se analizarán modelos produtivos, de distribución e de consumo nunha economía circular. Expoñerase o caso a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (ANFACO), de Vegalsa-Eroski e de Viaqua Cetaqua a cargo dos seus propios responsables.

Pola tarde, a directora executiva e vicepresidenta do Padroado da Fundación para a Economía Circular, Anabel Rodríguez, abrirá o foco para coñecer o panorama estatal neste cambio de paradigma económico. Despois haberá unha mesa redonda que servirá para coñecer casos concretos de empresas. É o caso do plan Compost-Revitaliza da Deputación de Pontevedra, do proxecto de voluntariado Alargascencia; da Asociación Profesional de Recicladores de Residuos de Construción e Demolición de Galicia (Arcodega) e o proxecto Arroupa, que mantén Cáritas Diocesana.

Outras noticias que te poden interesar: