A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugura en Vilalba as Xornadas da Muller

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Marisa Barreiro; e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, inauguran este venres na casa da cultura de Vilalba as “Xornadas da muller”. Unha iniciativa promovida polo CCG e o IESCHA que, durante dous días, pretende destacar o papel das mulleres na cultura a través de conferencias, debates e música.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O programa comeza este venres ás 19:00 horas co acto de apertura das xornadas nas que participa a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Marisa Barreiro; e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro. Despois, artista Luz Darriba, Premio da Cultura Galega 2018, ofrecerá unha conferencia baixo o título “Mulleres creadoras”. De seguido proxectarase o documental do CCG dirixido por Encarna Otero “As mulleres co mundo na cabeza”. Trala proxección haberá un coloquio entre Luz Darriba, Encarna Otero e o público asistente.

A sesión do sábado comezará coa conferencia de Paulo Naseiro para falar “os catro exilios de Silvia Mistral”. De seguido haberá unha conferencia de Emilio Ínsua sobre “o vinculo de Maruja Mallo con Galicia”. A actuación de Corredores de Sombra dará paso a última conferencia, a de Cristina Felpeto que leva por título “Muller e literatura, creadora e creación”.

As mulleres co mundo na cabeza
“As mulleres co mundo na cabeza” é un documental dirixido por Encarna Otero que pretende homenaxear as mulleres anónimas do Pindo que durante anos levaron na súa cabeza repolos, queixo e outros produtos para logo vendelos como sustento das súas familias. Ademais, é o resultado dun traballo de arquivo moito máis amplo que naceu para documentar as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual. Ese proxecto chamábase “Memorias de vida en vivo” e, para facelo, a Comisión de Igualdade constituíu o grupo de traballo Imaxes e Voces, integrado por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui.