NOTICIA

----

O ensino de moda e de deseño centra mañá unha xornada no Consello da Cultura Galega

Cal é o papel que están a desenvolver os centros formativos no ámbito da moda e do deseño? Sobre este asunto falarán mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) responsables de empresas, axentes do ámbito da creación e da docencia nunha xornada titulada “A dialéctica da moda: deseño, arte, industria e mercados na Galicia do século XXI”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o coordinador da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Quintana Martelo, inaugurarán esta cita coordinada por Sofía Santos e Rosario Sarmiento que se poderá seguir en directo a través do web da institución.

É moito máis que a confección de roupa, é o deseño de pezas téxtiles sobre as que hai toda unha industria que ten ramificacións na sociedade, na creación e na educación. Nesta ocasión, o programa “En modo conversa” quixo centrar o foco no papel que están a desenvolver os centros de ensino (universidades, escolas privadas...) no ámbito da moda e do deseño. Na xornada participan Lola Dopico, profesora, investigadora e creadora na Universidade de Vigo como directora de ESDEMGA, o Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda; a artista e deseñadora Tamara Feijoo, e os responsables da empresa e profesionais do deseño de D-due Charo Froján e Alfredo Olmedo. Sobre a mesa abordaranse asuntos como as teimas e os retos que teñen que superar no ámbito formativo, a relación entre o mercado e os espazos de estudo e formación, ou reflexións sobre a necesidade de estar na vangarda, entre outros aspectos.

En modo conversa
Esta xornada continúa un formato de conversa e de diálogo que permite establecer un espazo de reflexión sobre arte e creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadoras/es, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias.
A primeira das citas comezou antes do verán cun debate arredor da formación do mundo artístico. Por diante abordaranse novos espazos relacionados coa creación, a xestión, o coleccionismo, a dirección de museos ou fundacións, a filosofía, a docencia…, para poder ofrecer así unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer a artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.