NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega publica un centenar de cartas que Otero Pedrayo lle envíou a Fraguas

Son un total de 104 cartas que Ramón Otero Pedrayo lle enviou a Antonio Fraguas entre 1928 a 1976. Delas falan de historia, de antropoloxía, de xeografía e tamén de si mesmos. Co gallo do Simposio sobre Antonio Fraguas poñemos a disposición do público este lote de misivas que responde á colaboración entre a Fundación Otero Pedrayo e o Consello da Cultura Galega (CCG).

Esta publicación dixital da correspondencia entre os dous autores consta dun conxunto de cartas enviadas polo escritor ourensán que se atopan depositadas no Museo do Pobo Galego, que é o posuidor do arquivo persoal de Antonio Fraguas Fraguas.

Proxecto Epistolarios
O Consello da Cultura Galega realiza, no marco do seu labor de recuperación e preservación de fondos documentais, a dixitalización de diferentes fontes de personalidades da cultura galega, conservados en diferentes centros documentais ou en arquivos particulares. Entre o material recuperado nas diferentes coleccións destacan as correspondencias persoais dos autores.
Os epistolarios son unha das partes máis importantes do fondo documental da colección Arquivos Particulares, constituído por máis de 25.000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) ben sexan orixinais ou copias.

Os epistolarios constitúen un material documental de singular interese científico en todos os eidos da información, desde un acceso a un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios e a apertura de perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura e os seus contextos, á posibilidade de comprobar datos e circunstancias. Ademais, tamén contribúe a un mellor coñecemento das relacións cos seus contemporáneos, achega moitos detalles da súa vida e da súa obra e axuda a interpretar a situación política, social e literaria da súa época.

http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/epistolario.php?epistolario=7534