----

César Antonio Molina reflexionou sobre o substrato poético do legado dun Cunqueiro “que sempre acreditou no encantamento polas palabras”

Autor dunha obra enriquecida cun grande substrato poético, o legado literario e xornalístico de Álvaro Cunqueiro revive baixo as novas miradas do congreso internacional “Mil e un Cunqueiros” inaugurado hoxe na sede do Consello da Cultura Galega. O creador, o narrador o xornalista foi esencialmente un poeta, como salientou o escritor César Antonio Molina na conferencia inaugural. Unha figura emblemática da literatura, galega e española, do século XX, que merece ser estudada e divulgada, como subliñou Ramón Villares, presidente da institución cultural organizadora do evento xunto coas tres universidades galegas. Villares recordou que era este o acto central do “Ano Cunqueiro”, impulsado e coordinado desde o Consello da Cultura para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). No acto inaguural interviron tamén Manuel Fernández Iglesias e Francisco Durán, vicerreitores das universidades de Vigo e Santiago, respectivamente, e José María Barja, reitor da Universidade da Coruña, en cuxo Paraninfo se desenvolverán mañá, xoves, as sesións deste congreso itinerante.

O congreso abriuse cunha reflexión sobre a poética cunqueiriana, sobre o substrato poético que caracteriza o seu facer literario e xornalístico, como apuntou o escritor e xestor cultural César Antonio Molina ao dar conta das súas lecturas e vivencias ao abeiro do gran escritor mindoniense. O autor da conferencia inaugural percorreu as manifestacións da lírica de quen definiu como “un grande escéptico ao que traizoaba a súa vehemencia por todo o que relataba, alguén que sempre acreditou no encantamento polas palabras”.

Os relatorios abrangueron a dimensión de Cunqueiro nos medios de comunicación, particularmente na súa columa “El envés” na úultima páxina do xornal “Faro de Vigo” (Monserrat Mera) e na revista “Destino” (comunicacións de Juan Miguel Ribera, María Victoria Navas e Carmen Mejía). Houbo achegas á briografía cunqueiriana (Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Dasilva e Rexina Vega). Sobre as artes plásticas e escénicas e o seu diálogo con Cunqueiro falaron Afonso Becerra e Inma López Silva. Xosé Luís Janeiro Espiñeira e Beatriz Vázquez Rosales xunto con Luís Rodríguez Ennes e Luísa Blanco Rodríguez aventuráronse polas fórmulas e as ideas xurídicas de Cunqueiro.

UN GRAN XORNALISTA

Sobre Cunqueiro e os medios de comunicación reflexionaron na sesiòn da tarde Miguel Somovilla, director de comunicación da Real Academia Española e os profesores Iago Castro e Manuel Outeiriño. O primeiro referiuse ao seu traballo en “El Pueblo Gallego” e significou a importancia da dimensión xornalística para entender a obra de Cunqueiro. Obra xornalística que está en camiño de ser mellor estudada e compilada. Iago Castro falou dos diferentes traballos de Cunqueiro no “•Faro de Vigo” e nomeadamente no seu sumplemento “Letras”, xunto con Fernández del Riego, e das súas entregas como tradutor. O profesor Manuel Outeiriño aludiu aos artigos publicados en “Grial” e dixo que alí podía atoparse o mellor Cunqueiro, a quen definiu como “un verdadeiro mediador, un escritor enérxico, vizoso, cordial cos mozos e un xornalista magnífico e imprescindible”. As sesións de comunicacións e as mesas redondas celebráronse na Biblioteca e no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

A primeira xornada do congreso concluiu coa conferencia “Alvaro Cumqueiro, unha mirada holística”, que pronunciou o profesor Anxo Tarrío, da Universidade de Santiago de Compostela, no Salón Nobre de Fonseca.

XOVES 29 NA CORUÑA

As sesións de mañá xoves día 29, discurrirán no Paraninfo da Universidade da Coruña co seguinte programa:
9´30 horas. Comunicacións sobre “A cuestión dos xéneros literarios na obra de Cunqueiro” (Carmen Fernández Sanjulián, Xosé Antonio López Silva, Massimilla Pialorsi e María do Carmo Pinheiro).
12 horas. Regina Zilbermann, da universidade de Río Grande do Sul, disertará sobre “Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica”.
13 horas. Mesa redonda “O herdo de Cunqueiro” (Xosé María Álvarez Cáccamo, Francisco Salinas e Xosé Miranda).
16´30 horas. Comunicacións sobre “A recepción da obra cunqueiriana I” (Álex Alonso Nogueira, Carlos Manuel Callón Torres e Florentino Pérez García).
18´30 horas. Conferencia de Martine Roux, da universidade de Angers, sobre o tema “Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia”.
20 horas. Proxección dun documental sobre Cunqueiro.



Máis información e programa completo en:
http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=229