O Simposio Antonio Fraguas convida a reflexionar sobre as raíces populares da lingua e da cultura galegas

A Real Academia Galega acolle este serán a primeira das tres xornadas do Simposio Antonio Fraguas, que continuará o mércores e o xoves no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). A música e as coplas da terra natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2019, Cotobade, soarán da man do gaiteiro Oscar Ibáñez e a súa banda nesta primeira cita do encontro que lle porá o ramo á celebración do ano dedicado ao etnógrafo, historiador e xeógrafo. María Xosé Fernández Cerviño, colaboradora de Antonio Fraguas (1905-1999) no Museo do Pobo Galego durante décadas, trazará o perfil biográfico daquel rapaz da aldea de Insuela que chegou a ocupar na Real Academia Galega a cadeira de Castelao; Antonio Reigosa profundará no universo da Galicia máxica que tanto estudou, chea de mitos, ritos e figuras sobrenaturais que deixou documentados con detalle; e o académico Francisco Díaz-Fierros deterase na súa visión avanzada da paisaxe
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego (MPG) e a Fundación Antonio Fraguas organizan conxuntamente o encontro co apoio da Xunta de Galicia. O simposio xuntará unha vintena de voces que afondarán na pegada de Antonio Fraguas na cultura galega, no seu legado nos estudos de etnografía e folclore, xeografía e arqueoloxía, mais tamén na situación actual e nas novas olladas das diferentes disciplinas que cultivou. A entrada de todas as sesións é libre ata completar a capacidade das salas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente do padroado do MPG, Justo Beramendi; e o secretario xeral de Políticas Culturais inaugurarán hoxe ás 19 horas o encontro no salón de actos da Academia.

“A figura e a obra de Antonio Fraguas invítanos a reflexionar sobre as raíces populares da nosa lingua e da nosa cultura, a fonte limpa das nosas tradicións. Este simposio daranos a oportunidade de afondar nas diferentes caras dese poliedro rico e cheo de autenticidade que é Antonio Fraguas, quen se definiu a si mesmo como un neno da aldea”, salienta Víctor F. Freixanes. “Antonio Fraguas é ademais un exemplo non só de compromiso e de entrega ao país, senón de conciliación, procurando sempre xuntar vimbios para coñecer xuntos o pasado e construír xuntos o futuro. A colaboración entre institucións para desenvolver este simposio exemplifica esa vontade de acción común”, conclúe.

A presidenta do CGG, Rosario Álvarez, e o presidente do padroado do MPG, Justo Beramendi, salientan tamén a importancia da organización compartida por parte da Academia e das institucións que representan. “Organizamos este simposio de forma colaborativa, como a el lle gustaría, desde tres institucións que o lembran con afecto e con gratitude, pola contribución a elas mesmas e á cultura galega no seu conxunto”, expresa Rosario Álvarez. “Esta colaboración en si mesma é unha homenaxe non só a D. Antonio senón tamén ao espírito do vello Seminario de Estudos Galegos”, engade Justo Beramendi.

Rosario Álvarez e Justo Beramendi coinciden tamén na importancia de revisar neste foro non só a obra de don Antonio, senón tamén o estado actual dos campos de estudo nos que traballou. “Chegados ao final do ano dedicado a don Antonio Fraguas, facemos balance desde diversas ópticas disciplinares, sintetizando o coñecemento e poñendo en relevo a súa pegada na cultura galega contemporánea. Neste simposio está presente a orixe nunha comunidade traballadora e aldeá que marcou de xeito indeleble uns sinais identitarios que o acompañaron toda a vida. Está presente o mestre devoto, dentro e fóra da aula. Está presente a súa contribución á investigación arqueolóxica e, sobre todo, ao coñecemento da etnografía e folclore galegos. E, como non, está presente a música da Terra de Cotobade”, resume Rosario Álvarez. “Pensamos que un bo modo de culminar este ano dedicado á memoria de don Antonio Fraguas era, amén de analizar a súa obra, ver como evolucionaron no tempo transcorrido até hoxe as disciplinas que cultivou: a xeografía, a arqueoloxía e a etnografía”, apunta igualmente Justo Beramendi.

De Insuela á Real Academia Galega
Tras a apertura do simposio, María Xosé Fernández Cerviño afondará na traxectoria vital do homenaxeado cun relatorio titulado Antonio Fraguas Fraguas, de Insuela á Real Academia Galega. “A senda que conduciu a Antonio Fraguas desde o seu lugar nativo no concello pontevedrés de Cotobade á cadeira que Castelao deixara vacante na Real Academia Galega é un modelo de tesón, de humildade e de fidelidade á terra e á cultura que vai impregnando o espírito dun home desde o berce”, di a historiadora do vello profesor, con quen mantivo un estreito contacto desde a fundación do Museo do Pobo Galego. Antonio Fraguas foi o primeiro director e logo presidente desta institución, da que máis adiante a propia María Xosé Fernández Cerviño sería subdirectora.

A relatora incidirá na pegada que deixou a infancia en Cotobade no Fraguas investigador, moi evidente no interese especial que sempre amosou pola tradición oral que tanto documentou, na que se centrará Antonio Reigosa desde a perspectiva da mitoloxía popular.

“Un extraordinario mitólogo”
Antonio Reigosa recreará algunhas das achegas de Antonio Fraguas ao coñecemento e á intepretación do rico repertorio de mitos, ritos e figuras sobrenaturais da cultural popular tradicional galega. “Como etnógrafo, Antonio Fraguas anota, describe e ordena con criterio todo canto considera de interese para a salvagarda e o coñecemento global da nosa cultura popular”, valora. O investigador referirase á mitoloxía sobre animais como o lobo ou a serpe; á relacionada co lume, os astros e os fenómenos atmosféricos, que acubilla personaxes máxicas como os nubeiros ou tronadores, capaces de provocar treboadas; as crenzas sobre o mundo do demo, habitado tamén por bruxas e meigas; ou ao amplo patrimonio inmaterial de rituais arredor dos nacementos e da morte. Tampouco esquecerá “outros enredantes” como o zarronco, Pedro Chosco, os negrumantes, os trasnos ou os biosbardos.

“No centro deses mundos imaxinarios poboados de criaturas con capacidades máxicas estamos nós, os humanos, os creadores de todas elas e deses espazos cos que tentamos dar cabida e sentido, e algunha posible resposta, ás eternas interrogantes: de onde vimos, quen somos e a onde imos?”, reflexiona Antonio Reigosa. “A isto contribuíu Antonio Fraguas decisivamente co seu esforzo, co seu saber e curiosidade, bendicido por ese don de seu natural para comunicar con sinxeleza a enorme complexidade dun inmaterial que se expresa simbolicamente e que afecta ao profundo do ser humano. Grazas a estes e a outros traballos arredor de múltiples materias, don Antonio Fraguas contribuíu decisivamente e con grande entusiasmo a afirmar a nosa identidade”, conclúe o relator, para quen o protagonista do Día das Letras 2019, ademais de antropólogo, etnógrafo, etnólogo ou folclorista, debe ser recoñecido como “extraordinario mitólogo”.

Un avanzado na visión da paisaxe
Francisco Díaz-Fierros defíneo na mesma liña como “un antropólogo do miúdo” que rescatou numerosas expresións da cultura popular “dun seguro esquecemento”. Pero o académico afondará noutra disciplina que cultivou don Antonio, a xeografía, na que foi seguidor de Ramón Otero Pedrayo. O científico centrarase nas súas achegas ao estudo do territorio e da paisaxe, centradas nos anos 50 do século pasado e moi avanzadas ao seu tempo. A Convención Europea da Paisaxe ten en conta a interacción permanente entre os factores obxectivos do medio e os subxectivos da percepción humana. “E estas singularidades da concepción actual das paisaxes van estar xa moi presentes na obra de Fraguas: nesa dedicación especial ás formas sinxelas e humildes do territorio e nesa ollada xenuinamente campesiña que sempre as acompañan”, pon como exemplo.

O programa continúa en Santiago de Compostela
O Simposio Antonio Fraguas continuará en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego, institución da que Fraguas foi o primeiro director, desde 1977 ata 1989, cando pasou a presidir o padroado tras o pasamento do seu amigo Xaquín Lorenzo. Máis dunha ducia de especialistas afondarán no legado de Antonio Fraguas na etnografía e o folclore, a xeografía e a arqueoloxía, e reflexionarán tamén sobre a evolución destas disciplinas antes e despois das súas achegas.

A xeografía e a arqueoloxía centrarán o programa do mércores 27 de novembro e contará coas achegas de Francisco Durán, Valerià Paül, Camiño Noia, Henrique Monteagudo, Francisco Calo Lourido, Felipe Arias e María Pilar Prieto. O Simposio Antonio Fraguas concluirá o 28 de novembro poñendo o foco na etnografía e no folclore da man de María Concepción Losada, Clodio González, António Medeiros, Luzia Oca, Cristina Sánchez Carretero, Xosé C. Sierra e Xerardo Pereiro.