O Fraguas docente, xeógrafo, arqueólogo e etnógrafo centra a segunda xornada do Simposio das Letras Galegas

O Simposio Antonio Fraguas continúa hoxe e mañá no Museo do Pobo Galego con máis dunha ducia de relatorios que profundarán nas achegas do protagonista do Día das Letras Galegas ao campo da etnografía e do folclore, o que cultivou con maior intensidade, mais tamén á xeografía e á arqueoloxía, ás que contribuíu igualmente dende os anos de mocidade como membro do Seminario de Estudos Galegos. Nestes dous últimos eidos centrarase o programa deste mércores, que incidirá no labor de enlace de don Antonio entre o SEG e as novas xeracións de investigadores galeguistas. Haberá ademais ocasión de lembrar o Fraguas docente da man da catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, alumna de don Antonio no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela nos anos 60.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O programa, coorganizado pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego coa colaboración da Xunta de Galicia, pretende enriquecer a celebración das Letras Galegas dende a perspectiva científica profundando tanto no legado de Antonio Fraguas como no estado actual e as perspectivas de futuro das diversas disciplinas que desenvolveu. Tras a xornada celebrada onte na Academia —a institución que decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas e da que foi membro de número—, o simposio continúa no museo que dirixiu dende a súa fundación, en 1977, e do que foi logo presidente, tras o pasamento do seu irmán Xaquín Lorenzo.

O programa de hoxe arrincará ás 16:30 horas coas intervencións de Francisco Durán e Valerià Paül, profesores do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, que achegarán o público á situación da xeografía e do seu ensino antes e despois de Antonio Fraguas. O mesmo farán coa arqueoloxía Francisco Calo Lourido, patrón do Museo do Pobo Galego e académico correspondente; Felipe Arias Vilas, exdirector do Museo do Castro de Viladonga e profesor ad honorem da Facultade de Humanidades da USC; e María Pilar Prieto Martínez, profesora da Facultade de Xeografía e Historia da mesma universidade.

Primeira ‘xeira’ co Seminario de Estudos Galegos en Lalín
Antonio Fraguas entrou en contacto coa arqueoloxía na Universidade, no curso 1926-1927, como alumno de Santiago Pericot, e pouco despois, en novembro de 1927, ingresou no Seminario de Estudos Galegos (SEG) cun traballo sobre o castro de Soutolongo. En diante, malia a súa inclinación cara aos estudos etnográficos, don Antonio non só participaría na correspondente sección do Seminario, dirixida por Vicente Risco, senón tamén noutras como a de Xeografía, con Ramón Otero Pedrayo á fronte, e a de Prehistoria, dirixida por López Cuevillas dende 1926 ata a desfeita do Seminario en 1936, recorda Francisco Calo.

O Seminario de Estudos Galegos decidiu traballar con equipos multidisciplinarios, facendo o que chamaron xeiras: “As seccións escollían unha zona, comarca ou freguesía, e todos os membros dispoñibles ían, con maior ou menor dedicación, traballar a ela”. Don Antonio iniciouse na xeira de terra de Deza, que arrincou en 1927 coa catalogación dos xacementos castrexos de Lalín. “Froito persoal deste traballo de catalogación foi a devandita lección sobre o castro de Soutolongo para o seu ingreso no Seminario, infelizmente perdida”, conta o académico correspondente.

Tras a disolución forzosa por mor da guerra, Antonio Fraguas foi un dos membros do Seminario de Estudos Galegos que xogou un “importante papel na transmisión do pensamento, dos criterios de acción e dos coñecementos das novas xeracións de investigadores e eruditos da década dos anos 60 e posteriores do século XX”, salienta Felipe Arias Vilas. O investigador deterase nese “labor de enlace” que xogou a través dos seus traballos sobre temas arqueolóxicos dende os anos 50 ata finais de século, a través da sección de prehistoria e arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ao que Fraguas tamén pertenceu e onde exerceu de “investigador galego e galeguista”.

“Un profesor moi cariñoso”
Fraguas compaxinou dende 1933 e ata a súa xubilación a investigación coa docencia. Camiño Noia analizará no seu relatorio este perfil do protagonista das Letras Galegas dende os seus comezos no Instituto da Estrada ata 1963, o segundo e último ano en que foi alumna de don Antonio no daquela Instituto Feminino de Santiago de Compostela, o actual Rosalía de Castro. A súa achega basearase tanto na documentación existente como no seu propio recordo daqueles anos.

Antonio Fraguas debutou como docente de ensino medio en 1933 no Instituto da Estrada, onde exerceu ata que en 1937 foi apartado da docencia polas autoridades golpistas. Tras a guerra, os seus antecedentes políticos faríanlle fracasar en distintas oposicións. Entrementres, exerceu na academia privada Menéndez Pelayo, en Santiago, ata que en 1950 por fin conseguiu reincorporarse ao ensino oficial, como catedrático do Instituto Masculino de Lugo. Alí traballou ata 1959, cando regresou a Compostela como profesor do Instituto Rosalía de Castro, un labor que compaxinou tamén coa docencia universitaria ata a súa xubilación en 1975.

“Recórdoo como un home encantador, moi cariñoso e achegado a nós, e iso daquela non era o normal entre o profesorado que tiñamos”, di Camiño Noia. “Pedímoslle que viñese connosco á excursión de fin de bacharelato e aceptou. Puxéronlle ao lado a dúas profesoras da Sección Feminina!”, lembra. Este retrato amable é repetido por quen foron alumnos e alumnas del en distintos momentos, aínda que a catedrática advirte certas diferenzas no seu método docente segundo as etapas.

No Instituto da Estrada, durante a II República e os tempos do Seminario de Estudos Galegos, desenvolveu “unha docencia moi activa”, diferente da que posteriormente, na experiencia de Camiño Noia, impartiría no centro feminino, condicionada polos programas educativos fixados polo franquismo. “Na Estrada don Antonio levaba moito os alumnos de visita aos lugares dos que lles falaba, falaba moito da xeografía e a xeoloxía galegas, facían escavacións... Era un profesor que relacionaba moito o que se estudaba na aula coa realidade práctica. Hai exalumnos do Instituto Masculino de Lugo que sosteñen que mantivo esa traxectoria docente, pero a miña experiencia xa non foi así. Era moi erudito, as súas clases parecíanse dalgún xeito ás de Ramón Otero Pedrayo”, compara.

O Simposio Antonio Fraguas concluirá este xoves, 28 de novembro, poñendo o foco na etnografía e no folclore da man de María Concepción Losada, Clodio González, António Medeiros, Luzia Oca, Cristina Sánchez Carretero, Xosé C. Sierra e Xerardo Pereiro.

Outras noticias que te poden interesar: