NOTICIA

----

Unha xornada analiza a creación cultural nunha contorna dixital

Iniciativas culturais que necesitan de Internet ben no proceso de creación, ben como soporte de difusión ou exhibición. No fondo esta é a idea sobre a que xira a xornada ”Contidos e prácticas culturais e artísticas na contorna dixital” que mañá se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). Bani Brusadin ou Esther Pérez-Amat son algunhas das persoas que participarán neste encontro no que tamén se exporán proxectos como @elbarroquista ou Faládeme de San Sadurniño. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carme García Mateo, inaugurarán esta cita que se poderá seguir en directo a través de Internet.

Marcos Lorenzo e Sergio Lago son os coordinadores desta xornada encamiñada a analizar prácticas artísticas e culturais que se están a experimentar coa mediación tecnolóxica, nomeadamente en propostas de hibridación entre a experiencia física e a dixital. A cita ten un enfoque eminentemente práctico pero pretende ampliar o campo de acción e dar a coñecer como está a influír a tecnoloxía e os novos hábitos de consumo na nosa sociedade.
O primeiro bloque xira arredor de dúas figuras moi destacadas neste ámbito: unha delas é o produtor, investigador e comisario de exposicións Bani Brusadin. É moi coñecido por ser un dos artífices do festival The Influencers, espazo de referencia sobre arte non convencional, guerrilla da comunicación e novas tecnoloxías. A outra é a xornalista Esther Pérez-Amat, membro do Laboratorio de Innovación de RTVE.es, que falará de experiencias dixitais inmersivas nas artes escénicas e musicais, é dicir, como levar a experiencia dun espectáculo ao vivo aos nosos fogares.
O segundo bloque busca dar a coñecer experiencias galegas que teñen en común utilizar as redes sociais tanto para a creación como para a difusión. Un dos usos é o que explicará o propio Sergio Lago, Coruña dixital, programa promovido polo Departamento de Cultura e Educación do Concello herculino que pretende fomentar a experimentación coa cultura dixital na cidade. Lago explicará como funciona esta proposta encamiñada a facilitar a conexión das persoas interesadas na cultura dixital e o uso creativo da tecnoloxía.

Canda el falará Miguel Ángel Cajigal Vera, máis coñecido por ser “@elbarroquista”, un divulgador de cultura e historia do Barroco (pero tamén doutros períodos) cun punto de vista moi orixinal empregando as redes sociais. Pecha este bloque Carme Suárez Nieto, integrante do proxecto Fálame de San Sadurniño. Esta premiada iniciativa publica cada día un contido no que as e os participantes gravan un audio explicativo de imaxes que previamente dixitalizaron e xeolocalizaron. O resultado final trasládanos un conxunto de pequenas vivencias individuais que acaban cargadas de sentido colectivo.

Segunda sesión do ciclo
Esta xornada é a segunda sesión dun ciclo titulado Xornadas de Mediación Cultural e que busca trazar unha panorámica e estimular o debate sobre aquelas disciplinas académicas ou profesionais que se centran en facilitar o acceso da cidadanía á cultura e/ou en propiciar a participación cidadá no feito creativo.

A primeira sesión tivo lugar no mes de abril e buscaba coñecer as estratexias e as fórmulas nas que a cidadanía se implicaba no feito creativo a través da man de dúas figuras de relevancia neste ámbito como eran Jaume Colomer e Jaron Rowan. A seguinte cita, pensada para 2020, estará centrada no patrimonio, turismo e centros culturais: a elaboración de relato, o deseño de experiencias, as técnicas de programación cultural e a relación cos públicos. A cuarta e última xornada buscará coñecer a situación dos medios de comunicación: o papel da prensa, televisión, radio e outras canles como escaparates da oferta cultural dun territorio.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Esta é unha actividade da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Esta Sección está coordinada por Carme García Mateo e nela participan membros como Xosé Henrique Monteagudo, Alba Nogueira e Mercedes Queixas. Entre as súas actividades recentes destacan “Para que serven os datos lingüísticos?” ou “As tecnoloxías da lingua”.

Outras noticias que che poden interesar