NOTICIA

----

Subidos á rede cen novos exemplares do semanario A Nosa Terra

A manifestación contra a cota láctea de 1994 é un dos tema de portada do número 606 do semanario A Nosa Terra. Con este exemplar ábrese a oitava entrega da difusión do fondo deste xornal que o Consello da Cultura Galega sube periodicamente ao web institucional desde 2018. Nesta ocasión, súbense cen novos números que comprenden os anos 1994 e 1995.

Con esta entrega poderemos ver a cobertura informativa que este xornal fixo dos temas da actualidade do momento. Entre eles, a Paz de Mos, tregua asinada entre dos dous sectores enfrontados no mundo da gaita (puristas e integradores de elementos alleos); a situación dos presos en Galicia, ou información sobre o negocio da castaña no noso país.

Proxecto de dixitalización
En 2018 o Consello da Cultura Galega e a fundación A Nosa Terra asinaron un acordo que fixa a cesión provisional do fondo deste xornal para a dixitalización e a súa posta a disposición pública e gratuíta a través do web institucional do CCG. A nosa terra é un periódico galego semanal iniciou a súa andaina o dous de decembro de 1977 e rematou en 2011, cubrindo cun estilo xornalístico singular a actualidade política, económica, social e cultural de Galicia a través de contidos de longo alento. Este semanario é unha fonte fundamental para comprender a transición e os inicios da autonomía galega.

http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2211&id=7523