O Consello de Comunidades Galegas insta a poñer en marcha dúas propostas do Consello da Cultura Galega

O informe coas directrices para a posta en marcha do Museo das Migración Galegas e o Plan Director do Patrimonio Documental das Sociedades Galegas no Exterior son dúas iniciativas elaboradas polo Consello da Cultura Galega e presentadas no XII Pleno do Consello das Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela entre os días 3 e 4 de decembro. Estes dous informes, relevantes para o estudo, preservación e difusión da memoria da emigración galega, figuran como prioritarios nas conclusións elaboradas pola ponencia de cultura deste organismo.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Os integrantes da área de cultura do XII Pleno do Consello das Comunidades Galegas elaboraron un documento de conclusións que sintetiza en dez puntos as medidas relativas a este sector. Comeza co apoio ás medidas de acción cultural incluídas na Estratexia de Emigración 2020 e rematan coa demanda de que a Xunta facilite o intercambio entre a xuventude galega residente na Galicia territorial e a do exterior. Entre as medidas figura a petición ao goberno galego a darlles prioridade aos traballos de preparación e posta en marcha do Plan Director do Patrimonio Documental das Sociedades Galegas no Exterior e o do Museo das Migracións Galegas. Este último constitúe a base para crear un centro de referencia da Emigración galega e da Galeguidade coa misión de salvagardar, preservar, catalogar e divulgar o labor da colectividade e dos centros galegos como referentes da transmisión de identidade e defensores dos valores culturais de Galicia.

Ademais, lista demandas concretas encamiñadas a potenciar o patrimonio cultural das comunidades galegas no exterior a través de apoio á dixitalización, documentación e posta na rede. Tamén destaca a importancia do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021 como oportunidade para a difusión cultural, turística e económica.

O documento de conclusións da área de cultura foi aprobado polo Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

Sobre o Consello da Comunidades Galegas
O Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Con carácter deliberante e funcións consultivas, o Consello asesora á Administración autonómica no cumprimento dos fins establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

A súa organización e funcionamento regúlase no Decreto 111/2015, do 6 de agosto. O Consello da Cultura Galega é membro do Consello de Comunidades Galegas como tamén o son as persoas titulares dos órganos e representantes das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de: Presidencia e administración pública; Educación e ordenación universitaria; Industria e comercio; Traballo e servizos sociais; Xuventude; Muller e igualdade; Cultura; Sanidade; Relacións exteriores e cooperación internacional; Deporte; Turismo. Completan a súa composición a Real Academia Galega, un representante do Sistema Universitario de Galicia, unha persoa representante de cada unha das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade.
A presidencia correspóndelle ao presidente da Xunta de Galicia; a vicepresidencia á persoa titular do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia; e a secretaría á persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración.