----

Un parladoiro reflexiona mañá en Pontevedra sobre a presenza do mar na literatura galega

A cultura popular galega está poboada de heroes lendarios e seres mitolóxicos que chegaron ou saíron do mar. Está o Teucro, o Urco, a Serea de Sálvora, a Maruxaina... ou o propio mar personificado que podemos ler en novelas como como “O triángulo da circunferencia” de Víctor Freixanes, “As luces do Norte” de Pemón Bouzas ou “Os nenos da varíola” de María Solar, entre moitos outros. Estes tres autores, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra, participarán mañá (Museo de Pontevedra, 19:30 horas) no parladoiro “A Galicia navegante no imaxinario literario” organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). A cita pretende reflexionar sobre a importancia do mar e das navegacións na literatura ao fío da exposición “Inventio mundi” (Museo de Pontevedra, ata o 14 de xaneiro) coa que o CCG pretende dar a coñecer as repercusións que tivo para Galicia a primeira circunnavegación da Terra, a expedición de Magalhães-Elcano.
Un parladoiro reflexiona mañá en Pontevedra sobre a presenza do mar na literatura galega

O parladoiro “Galicia navegante no imaxinario literario” terá lugar mañá mércores, 11 de decembro ás 19:30 horas, no andar da zona acristalada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela e secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, exercerá como coordinadora deste encontro no que participan tres autores que escribiron novelas relacionadas co mundo do mar e da navegación.
Pemón Bouzas (Palmeira-Ribeira, 1957) é un escritor cunha ampla bibliografía relacionada co mundo mariño. Na súa intervención fará un repaso da investigación que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como foron Mourelle de la Rúa ou Francisco Caamaño. Outro feito histórico, a expedición Balmis, que partiu do porto da Coruña coa vacina para paliar o andazo de varíola que sufría América, é o que conta María Solar (Santiago de Compostela, 1970) na súa novela “Os nenos da varíola”, sobre a que afondará na súa intervención. No mar, no quimérico Mar dos Espellos, transcorre “O Triángulo inscrito na circunferencia”, a primeira e premiada novela de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951), que mestura o real e o irreal, o tanxible e o imaxinado, a partir da que fará unha achega da relación entre literatura e o mundo mariño na cultura galega.

Parladoiro sobre os feitos históricos
O vindeiro mércores 18 terá lugar un segundo parladoiro, desta volta centrado nos datos e feitos históricos. “A Galicia navegante na investigación histórica” contará coa participación de Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó e Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao.

Inventio Mundi
“Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII” é unha mostra comisariada por Ofelia Rey que pretende contar as consecuencias que tivo para Galicia a primeira circunnavegación do planeta, a expedición de Magalhães e Elcano, cando se cumpren 500 anos da súa partida. En 32 paneis cóntase como aquela viaxe deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar. A mostra ofrece esta historia da navegación galega, que parte do interese de comerciar coas illas Molucas e remata no século XVII cando mudan as formas de navegación.
Esta mostra está organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra.

Outras noticias que te poden interesar: