O xoves preséntase no Consello da Cultura Galega o libro-CD “Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade”

“Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade” é o libro-CD que mañá xoves (19:00 horas) se presenta no Consello da Cultura Galega. A secretaria da institución, Dolores Vilavedra, participa neste acto que pretende dar a coñece o traballo realizado por Xavier Groba e editado pola Central Folque no que se recolle a primeira achega á música de transmisión oral do concello de Cotobade. Tamén estarán presentes Ramón Castromil e Ramon Pinheiro Almuinha.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Este libro-CD recolle o rico e singular patrimonio musical de Fraguas e a súa terra natal. Entre os materiais que se poden atopar nesta publicación hai un cancioneiro musical inédito de Antonio Fraguas; unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas conservada nos Arquivos de Cántigas da terra; as gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores internacionais ou galegos como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal. A obra conta cun estudo realizado polo musicólogo Xavier Groba e supón a primeira achega profunda á música de transmisión oral deste concello situado entre a vila de Pontevedra e a comarca de Terra de Montes. O libro conta ademais dos textos coas gravacións orixinais contidas no CD, abundantes transcricións musicais realizadas por José Luís do Pico e unha coidada selección fotográfica.


Outras noticias que te poden interesar: