----

Unha visita guiada e un parladoiro afondarán mañá na investigación histórica dos navegantes galegos no Museo de Pontevedra

Datas, nomes propios, fontes de información, mapas...., o parladoiro “A Galicia navegante na investigación histórica” pretende afondar nos aspectos históricos que rodean o relato que se constrúe en “Inventio Mundi” (Museo de Pontevedra, ata o 14 de xaneiro). Esta exposición do Consello da Cultura Galega está comisariada por Ofelia Rey e pretende dar a coñecer as repercusións que tivo para Galicia a primeira circunnavegación da Terra, a expedición de Magalhães-Elcano, cando se conmemora o quinto centenario da súa partida. Como complemento da exposición, mañá mércores realizarase unha visita guiada (18:30 horas) a cargo da comisaria e un parladoiro (19:30 horas) no que participan Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó e Anxo Rodríguez Lemos.

Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó e Anxo Rodríguez Lemos son tres investigadores que coñecen ben as expedicións, nomes propios e o contexto histórico e político de España e América que sucede entre os séculos XV e XVII aos que fai referencia a mostra “Inventio Mundi”. Entre todos eles contribuirán a entender mellor as circunstancias e o percorrido desas viaxes e o que supuxo para Galicia. Anxo Rodríguez Lemos explicará como afectou a Baiona a chegada da nova do descubrimento e o papel que tivo este porto nas viaxes do século XVI. Pola súa parte, José Manuel García Lijó, especialista en historia marítima, relatará como era a vida interior dos barcos; mentres que Pilar Cagiao explicará a participación galega na viaxe de Magalhães-Elcano e as súas repercusións, así como as cinco rutas deseñadas desde a Casa da Especiaría da Coruña (das que só se completaron catro) e navegacións como as de Sarmiento de Gamboa ou Álvaro de Mendaña, e tamén as repercusións e descubertas desde o outro lado do Atlántico. A comisaria da mostra, que tamén exercerá de coordinadora deste parladoiro, completará o relato cunha explicación dos motivos polos que Galicia foi quedando fóra do comercio atlántico.

Parladoiro sobre a influencia do mar na literatura
Este parladoiro é a segunda das propostas encamiñadas a complementar o proxecto expositivo “Inventio Mundi”. O primeiro tivo lugar o pasado mércores 11 de decembro e nel os escritores Víctor Freixanes, María Solar e Pemón Bouzas afondaron, a través das súas propias experiencias, na relación entre a literatura galega e as historias de navegacións mariñas. María Solar falou da expedición Balmis que relata na súa obra “Os nenos da varíola”; Víctor Freixanes afondou no mar na súa primeira novela, recentemente reeditada, “O triángulo inscrito na circunferencia”; mentres que Pemón Bouzas deu conta de todas as fontes que consultou para poder escribir as súas novelas protagonizadas por figuras relevantes da navegación galega dos séculos XVII e XVIII, como Mourelle de la Rúa ou Francisco Caamaño. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e secretaria do CCG, Dolores Vilavedra, foi a encargada de guiar este percorrido.

Inventio Mundi
“Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII” é unha mostra comisariada por Ofelia Rey que pretende contar as consecuencias que tivo para Galicia a primeira circunnavegación do planeta, a expedición de Magalhães e Elcano, cando se cumpren 500 anos da súa partida. En 32 paneis cóntase como aquela viaxe deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar. A mostra ofrece esta historia da navegación galega, que parte do interese de comerciar coas illas Molucas e remata no século XVII cando mudan as formas de navegación.
Esta mostra está organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra.

Outras noticias que te poden interesar: