----

O cancioneiro de Oencia incorpórase ao Mapa Sonoro de Galicia

Son preto de trescentas pezas nas que hai romances, milicias, cregos, seituras, berces, parrafeos e outros cantares xunto con contos e relatos que revelan a diversidade cultural do concello de Oencia (León), considerado tradicionalmente como un dos 48 concellos da Galicia estremeira. O traballo de recolleita deste patrimonio oral foi realizado por Xosé Lois Foxo e agora incorpórase ao Mapa Sonoro de Galicia.

Esta nova achega inclúe 295 pezas recollidas no ano 2013 por Xosé Lois Foxo nun proxecto que pretendía dar conta da rica tradición de Oencia, concello limítrofe entre Galicia e León. Constitúe un cancioneiro de moi distintos xéneros que contribúe a enriquecer o proxecto do Mapa Sonoro de Galicia. Inclúe cantares de ronda, varios, romances, milicia, cregos, seitura, berce, parrafeos, brindos ou loias de voda, pastores, reis, ramos e relixiosos; repertorio dos gaiteiros da zona e unha sección de contos e relatos. “Esta é a mellor homenaxe que podemos ofrecer ás xentes que mantiveron esta xoia do patrimonio inmaterial e intanxible”, apuntou Xosé Lois Foxo na publicación editada polas deputacións de Ourense e de León.

Mapa Sonoro de Galicia
O Mapa Sonoro de Galicia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que pretende difundir o patrimonio sonoro a través da xeolocalización de coleccións sonoras xa custodiadas pola institución ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística, ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

A día de hoxe, o Mapa Sonoro de Galicia subiu á rede 901 documentos sonoros de coleccións moi diversas debidamente xeolocalizados. Entre esas coleccións están: “A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade”, que recolle lendas, contos populares e gravacións dos nosos maiores; “A nosa fala”, que permite coñecer e diferenciar as variedades dialectais da lingua galega; “Auga doce: viaxe sonora polo río Miño”, na que se recollen os sons do gran río de Galicia, desde o paso natural do río ata as accións humanas vinculadas a el; “Sons da terra”, que permite escoitar sons da natureza pero tamén de oficios xa desaparecidos, e o “Cancioneiro Antropolóxico”, que recolle os cantares e a tradición musical das montañas do Lor e as terras de Quiroga, en Lugo.



Accede ao Cancioneiro de Oencia