Un proxecto do Consello da Cultura Galega difunde e contextualiza as primeiras longametraxes do audiovisual galego

Urxa, Continental e Sempre Xonxa son moito máis que as tres películas que en 1989 se estrearon en salas de cinema. Son un fito da cultura galega contemporánea. Baixo esta premisa o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) botaron a andar esta iniciativa que pon a disposición do público este patrimonio audiovisual, contextualizado con outros recursos e materiais didácticos que permite comprender a relevancia desta efeméride.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Este proxecto pretende dar a coñecer as claves da linguaxe audiovisual, pero tamén o contexto social e cultural no que se xestaron Urxa, de Carlos L. Piñeiro e Alfredo García Pinal; Continental de Xavier Villaverde; e Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro. Da man da unidade didáctica elaborada por José Antonio Cascudo analizarase como estres tres filmes trataron temas moi relacionados coa nosa cultura como son a emigración, o papel da muller, o imaxinario e a fantasía popular, a relación coa literatura ou a propia Guerra Civil. O proxecto permite a visualización gratuíta deste patrimonio audiovisual durante un ano, así como o acceso a material complementario. No marco da colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal está a publicar unha serie de reportaxes sobre estas tres longametraxes, mentres que a Radio Galega elaborará varios podcast co making off, anécdotas e curiosidades da creación destes filmes.

O proxecto que arrinca hoxe no web institucional irá incorporando novos materiais ao longo do mes de xaneiro. Este especial pretende recordar un momento relevante para o audiovisual galego no que Xunta, Televisión de Galicia e o concello de Vigo promoveron a creación de Cinegalicia, que alén da estrea destes tres filmes no Cine Fraga e no Centro Cultural García Barbón, incluía encontros, mesas redondas, proxeccións, unha publicación e unha exposición.

Proxecto “30 anos do audiovisual galego”