NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe o premio Cidade de Pontevedra

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, recibiu este mediodía o premio Cidade de Pontevedra. A presidenta foi recoñecida na modalidade de persoa física xunto coa Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia na categoría de persoa xurídica. Na súa intervención destacou a influencia da cidade do Lérez na que, segundo apuntou, “naceu o meu amor pola cultura popular e pola lingua da xente, o meu interese e dedicación ao patrimonio inmaterial, sobre todo lingüístico, como creación colectiva de milleiros de homes e mulleres, anónimos, ao longo da historia”.
A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe o premio Cidade de Pontevedra

Rosario Álvarez foi proposta pola Asociación Maio Longo pola súa traxectoria intelectual e a súa vinculación coa cidade de Pontevedra. Nada en Pontevedra, é catedrática de Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e desde maio do 2018 ocupa a presidencia do Consello da Cultura Galega. Ademais é integrante da Real Academia Galega, foi vicerreitora de profesorado da USC, directora do Departamento de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega.

Os premios Cidade de Pontevedra distinguen cada ano a unha entidade e a unha persoa física da cidade que se teñan destacado por algunha razón, contribuíndo ao benestar da cidadanía ou proxectando o nome de Pontevedra en calquera aspecto. Non teñen retribución económica pero si un Teucro de prata e un diploma. O xurado dos premios está conformado por representantes dos membros dos grupos políticos municipais, da prensa local e do sector cultural.