Unha xornada analiza a situación actual da danza en Galicia

A danza atravesa hoxe en día en Galicia un momento especialmente vizoso que se aprecia na oferta renovadora de espectáculos, en innovadores procesos creativos e en atractivas formas de enfrontarse aos públicos. Con todo, o sector nunca estivo tan desatendido pola Administración e entidades públicas. Radiografar as circunstancias actuais, escoitar aos seus propios protagonistas e sistematizar os resultados destas intervencións nun informe-diagnóstico son algúns dos obxectivos que procura a xornada “O estado da danza en Galicia” que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá martes na súa sede. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e as coordinadoras deste encontro, Dolores Vilavedra e Natalia Balseiro, inaugurarán esta cita, que se poderá seguir en directo desde o web do CCG.

“O estado da danza en Galicia” é unha xornada que nace con tres obxectivos moi claros: coñecer a situación actual da danza en boca dos seus protagonistas, crear un espazo de dialogo entre todos os axentes implicados neste sector así como deixar constancia deste formato a través dunha publicación (un informe-diagnóstico) e de varias gravacións en vídeo. Baixo este paraugas a xornada “O estado da danza en Galicia” concentrará a nove personalidades representativas do sector no noso país para ir perfilando as súas eivas e fortalezas. A investigadora Mercedes Prieto falará da danza no sistema educativo; o director do Conservatorio de Danza da Coruña, Luciano Gómez, e o director da ESAD, Manuel Vieites, abordarán o proxecto da Escola Superior de Danza de Galicia e o seu futuro; o coreógrafo e bailarín Quique Peón analizará o encaixe do baile tradicional e o folclore no sistema actual da danza; a bailarina e xestora cultural Caterina Varela reflexionará sobre formatos sustentables que transcenden a exhibición; o crítico de danza Afonso Becerra trazará a memoria dos inicios da danza en Galicia e a xestora cultural Sabela Mendoza o dos novos contextos. Pecha esta xornada o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira.

A necesidade de que se constrúa un espazo de diálogo e debate no Consello da Cultura Galega é intrínseca á propia natureza da xornada, que está concibida en forma de entrevista a todos estes participantes por parte de xornalistas como María Solar, Xermán Hermida, María Yáñez ou Manuel Xestoso; e de xestores como Paulo Rodríguez, Natalia Balseiro ou Roberto Pascual.

A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais está coordinada por Dolores Vilavedra e conta entre os seus membros con personalidades recoñecidas do sector como son Eduardo Alonso, Natalia Balseiro, Alejo Amoedo, Ramón Pinheiro, Carlos Vizcaíno, Cristina Domínguez Dapena, Julio Gómez, Manolo González e Beli Martínez. Non é a primeira vez que esta Sección pon os ollos no sector da danza, fíxoo en varias ocasións con obxectivos diferentes e sempre con motivo da celebración do Día Internacional da Danza. En 2017 analizou a importancia da danza como motor de cambio e crecemento persoal e como dinamizadora social nunha cita que contou coa presenza de especialistas de ámbitos galego e español. No ano 2014 tiveron lugar as xornadas “A danza a debate”, que puxeron sobre a mesa a situación da danza tradicional, a danza clásica e a contemporánea.

Outras noticias que te poden interesar: