NOTICIA

----

Expertos e expertas concretan nunha xornada medidas para o sector da danza

”Non se trata de ver as diferentes correntes estéticas da danza actual senón de realizar unha análise en profundidade do sector e facer propostas para mellorar o futuro” explicou Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega e coordinadora da xornada “O estado da danza en Galicia” xunto con Natalia Balseiro. Esta cita, inaugurada esta mañá pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, puxo sobre a mesa unha serie de medidas para mellorar o futuro deste sector. A presidenta destacou na súa intervención que “puxemos o foco na danza porque entendemos que, ao igual que outros sectores, non está o suficientemente atendido”. A cita, que xuntou a xestores, creadores, políticos e investigadores na materia, servirá de base para elaborar nun informe-diagnóstico e unha serie entrevistas audiovisuais.
Expertos e expertas concretan nunha xornada medidas para o sector da danza

Incluír a danza como contido na educación pública obrigatoria, formar docentes especializados; incluír a danza no marco universitario; fomentar investigación arredor das artes do movemento; dotar de orzamentos; crear premios para a danza; recuperar o Centro de Documentación das Artes Escénicas e tecer pontes entre todas as estruturas públicas e privadas que artellan o sector en Galicia son algunhas das cuestións que se abordaron na xornada “O estado da danza en Galicia”. Fíxose durante un día enteiro nun formato dialogado que deu voz a todos os protagonistas, desde responsables de institucións como Agadic ou a Cidade da Cultura ata xestores e creadores.

A sesión da mañá estivo centrada principalmente en coñecer outras realidades e investigacións que encaixan a danza no sistema educativo. A investigadora e docente Mercedes Prieto apuntou a necesidade de que a danza sexa unha materia máis do currículo, que se entenda a súa capacidade transversal e integradora desta disciplina. Foron Luciano Gómez, director do Conservatorio de Danza da Coruña, e Manuel Viéites, director da ESAD, os que debullaron a necesidade dunha Escola Superior de Danza de Galicia, ao tempo que insistiron na posibilidade de que o grado medio se imparta naqueles lugares nos que xa existe un conservatorio de música. A raíz da intervención de Quique Peón sobre a danza tradicional galega apuntouse que xa se incoou o expediente para que tanto a danza como o baile tradicional sexan declarados Ben de Interese Cultural. A bailarina e xestora cultural Caterina Varela abriu o foco e puxo sobre a mesa a necesidade de formatos sustentables que vaian máis alá da exhibición.

Pola tarde, o crítico Afonso Becerra trazou un relato cronolóxico da danza en Galicia e a xestora cultural Sabela Mendoza abordou os novos contextos para as artes do movimento. A xornada rematou coa intervención do director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira que ofreceron o punto de vista institucional e as accións que desde a administración se están a facer neste eido.

Con esta xornada, o Consello da Cultura Galega construíu un espazo de diálogo e debate que quixo marcar desde a propia estrutura da cita, concibida en forma de entrevista a todos estes participantes por parte de xornalistas como María Solar, Xermán Hermida, María Yáñez ou Manuel Xestoso; e de xestores como Paulo Rodríguez, Natalia Balseiro ou Roberto Pascual. Ademais, no marco da función asesora que o Consello ten establecida por lei redactará un informe-diagnóstico coas iniciativas apuntadas de cara a mellorar o futuro do sector audiovisual. Cada entrevista foi gravada co propósito de realizar unha serie de materiais audiovisuais que sirvan de testemuño da xornada.

A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais está coordinada por Dolores Vilavedra e conta entre os seus membros con personalidades recoñecidas do sector como son Eduardo Alonso, Natalia Balseiro, Alejo Amoedo, Ramón Pinheiro, Carlos Vizcaíno, Cristina Domínguez Dapena, Julio Gómez, Manolo González e Beli Martínez. Non é a primeira vez que esta Sección pon os ollos no sector da danza, fíxoo en varias ocasións con obxectivos diferentes e sempre con motivo da celebración do Día Internacional da Danza. En 2017 analizou a importancia da danza como motor de cambio e crecemento persoal e como dinamizadora social nunha cita que contou coa presenza de especialistas de ámbitos galego e español. No ano 2014 tiveron lugar as xornadas “A danza a debate”, que puxeron sobre a mesa a situación da danza tradicional, a danza clásica e a contemporánea.