A actualización do seu pensamento, a delgada liña entre a filosofía e a política, a revisión en clave de actualidade do seu pensamento, o amor ou a imaxinación son algúns dos prismas desde os que mañá unha serie de analistas que reflexionarán sobre o extenso legado de Annan Harendt. A xornada conta coa presenza de catro docentes universitarios: Cristina Basili (da Universidad Complutense de Madrid), Cristina Sánchez (da Universidad Autónoma de Madrid), Lorena Fuster (da Universitat de Barcelona) e Antonio Campillo (da Universidad de Murcia).
Sobre Hannah Arendt
Hannah Arendt é un fito no pensamento político do século XX e unha referencia ineludible cando se fala de cuestións que afectan á república. Xudía alemá, sobreviviu ao exterminio porque puido emigrar a EE UU, desde onde escribiu unha serie de títulos que condensan unha das reflexións máis profundas sobre a natureza humana do mal. Entre eles destacan un extenso traballo sobre as orixes dos totalitarismos, no que se ofrece unha lectura esencial sobre os nacionalismos; unha biografía sobre a xudía alemá Rahel Varnhagen ou a súa última obra inacabada, “The Life of the Mind” (“A vida do espírito”). Todos eles viñeron acompañados dunha intensa polémica tras a súa publicación e unha gran orixinalidade que a afastou dos camiños percorridos.
Foi alumna de Heidegger, de quen aprendeu que unha vida debe xirar arredor dunha idea. E a súa foi o concepto mesmo de política, reivindicando a súa autonomía fronte a toda redución a instancias alleas, xa fose feita en clave liberal ou na de certo marxismo. Se hai algún nome por excelencia no ámbito da filosofía política, malia que a miúdo rexeitaba que lle atribuísen a súa adscrición a esta categoría, ese é o de Arendt.
Sección de Pensamento
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega está coordinada por Carme Adán e ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou Karl Marx.