O Consello da Cultura Galega avanzará o informe sobre o sector escénico no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá a presentación do programa do I Congreso Internacional do Teatro Galego ao que asistiron a presidenta da institución, Rosario Álvarez; o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a presidenta da AGT, Imma António; e o presidente do Consello territorial da SGAE, Juan Rivas. A cita, que terá lugar do 25 ao 28 de marzo na Cidade da Cultura buscará sentar as bases da política teatral do sector na vindeira década despois de tres días de análise e reflexión sobre os públicos, os procesos creativos e o coñecemento doutras realidades teatrais, entre outros aspectos.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O Consello da Cultura Galega contribúe a este congreso con dúas grandes accións: en primeiro lugar coa edición das actas. E, en segundo lugar, coa elaboración dun informe macro a petición do sector. Os primeiros resultados serán presentados no transcurso do Congreso e as alegacións e comentarios que alí se fagan incorporaranse ao documento final.

Na rolda, a presidenta da Academia Galega de Teatro anunciou que no marco desta cita se entregarán as primeiras Medallas de Honra que concede esta entidade e que recaeron en Manuel Lourenzo, Luís Álvarez Pousa, María Xosé Queizán e, a título póstumo en Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada.