Especialistas reivindican outra forma de facer política a propósito do legado de Hannah Arendt

“Hannah Arendt non dá receitas pero si propón exercicios de pensamento e outro xeito de entender o político” afirmou Cristina Sánchez no marco da xornada que a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega propuxo para revisar a vixencia do pensamento desta pensadora alemá. A cita foi inaugurada pola presidenta, Rosario Álvarez; a responsable da sección, Carme Adán; e o coordinador desta cita, Jorge Álvarez, que anunciaron a celebración do Festival de Filosofía en abril.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Especialistas reivindican outra forma de facer política a propósito do legado de Hannah Arendt

Cristina Sánchez, profesora da Universidade Autónoma de Madrid, iniciou o seu relatorio explicando que “non hai artigo de periódico estes días que non cite a Hannah Arendt, é como o perexil das salsas”. A partir de aí aproveitou o pensamento desta pensadora para describir o déficit das democracias contemporáneas, visible no auxe do individualismo liberal, da preponderancia da esfera privada sobre o público e do conformismo sobre a concienciación política. Un pouco antes, a profesora da Universidade Complutense de Madrid, Cristina Basili, falou da tensión entre filosofía e política. “Hannah Arendt nunca se recoñeceu como filósofa senón como teórica da política, e desde o seu pensamento o entendeu que exercicio da política non pode ser o exercicio do poder” apuntou. Ademais, Basili deixou claro que para a filósofa alemá “o poder non é calquera cousa que un individuo ten por natureza, senón por ser entre os homes, entendido de de común acordo”.
A revisión en clave de actualidade do seu pensamento, o amor ou a imaxinación son outros dos prismas desde os que Lorena Fuster, profesora da Universitat de Barcelona; e Antonio Campillo da Universidad de Murcia abordaron nos seus relatorios da tarde.

Sobre Hannah Arendt
Hannah Arendt é un fito no pensamento político do século XX e unha referencia ineludible cando se fala de cuestións que afectan á república. Xudía alemá, sobreviviu ao exterminio porque puido emigrar a EE UU, desde onde escribiu unha serie de títulos que condensan unha das reflexións máis profundas sobre a natureza humana do mal. Entre eles destacan un extenso traballo sobre as orixes dos totalitarismos, no que se ofrece unha lectura esencial sobre os nacionalismos; unha biografía sobre a xudía alemá Rahel Varnhagen ou a súa última obra inacabada, “The Life of the Mind” (“A vida do espírito”). Todos eles viñeron acompañados dunha intensa polémica tras a súa publicación e unha gran orixinalidade que a afastou dos camiños percorridos.

Foi alumna de Heidegger, de quen aprendeu que unha vida debe xirar arredor dunha idea. E a súa foi o concepto mesmo de política, reivindicando a súa autonomía fronte a toda redución a instancias alleas, xa fose feita en clave liberal ou na de certo marxismo. Se hai algún nome por excelencia no ámbito da filosofía política, malia que a miúdo rexeitaba que lle atribuísen a súa adscrición a esta categoría, ese é o de Arendt.

Próximas actividades
No marco da inauguración a coordinadora da Sección de Pensamento, Carme Adán, anunciou a celebración do Festival de Filosofía que terá lugar entre os días 24 e 25 de abril en diferentes cidades de Galicia. Ademais, confirmou a segunda cita da xornada “Pensar con orgullo”, o martes 16 de xuño. Ademais, anunciou os nomes dos pensadores que formarán parte do ciclo “Pensarmos”, que se celebra cada cuarto xoves de mes. As vindeiras citas deste foro están programadas para o 27 de febreiro con José Maria Lasalle baixo o título “É posible dar sentido ás máquinas? Cara a un humanismo tecnolóxico”; o 26 de marzo con Eulalia Pérez Sedeño; o 28 de maio con Alicia Puleo e o 25 de xuño con Nuccio Ordine.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega está coordinada por Carme Adán e ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: