Presentado no Consello da Cultura Galega o número 75 da Revista Galega de Educación

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra; e un dos coordinadores deste número, Antón Costa, deron a coñecer esta mañá o número 75 da Revista Galega de Educación. Trátase dun número especial que dedica unha trintena de artigos analizar da situación actual da nova escola galega e os retos de futuro. Rosario Álvarez destacou na presentación o empeño da institución por ser “a casa de todos e todas e manter unha estreita relación con axentes da cultura galega no que a educación ten un papel esencial”.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Con este número queremos fortalecer o debate e o espazo público, pero tamén ofrecer as pistas e a orientación por onde irán as cousas no futuro” asegurou Antón Costa na presentación. Unha trintena de profesionais reflexionan neste número sobre a situación da educación, en Galicia e noutros lugares do Estado español, Francia ou Portugal. Ademais, tamén se fala da infancia e da adolescencia hoxe e aborda cuestións como a neuropedagoxía, os novos medios dixitais ao servizo da formación, os instrumentos políticos necesarios, o sentir das organizacións sociais sindicais do profesorado, movemento asociativo de nais e pais, a formación docente, os retos da educación social, a necesidade de institucións escolares inclusivas... Destacan as contribucións de Philippe Meirieu, recoñecida figura pedagóxica en Francia; Marta Porteiro coas súas achegas sobre a neurociencia no campo educativo; ou Pilar Sampedro analizando o papel das bibliotecas escolares como colectores culturais e espazos creativos de convivencia.

O actual director Suso Domínguez definiu este número como “ unha revista de análise da escola, apoiada na escola construída ata hoxe e que senta as bases de futuro”; mentres que o presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra, destacou o “milagre de sacar este número 75 que indica que houbo xa unha longa camiñada da única revista galega de educación en papel e en galego”.

Na presentación tamén se avanzou que o número 76 afondará sobre a memoria histórica nas aulas. Serve tamén de punto de inicio dunha nova xeira da revista na que Uxía Bolaño e Ana Parada pasan a ser codirectoras da publicación.

A Revista Galega de Educación
A RGE comezou a editarse en 1986 cunha periodicidade trimestral, promovida por Nova Escola Galega e editada por Edicións Xerais de Galicia. Chegou a ter 800 persoas subscritas e unha difusión de 1.400 exemplares en cada número. Cando levaban editados 33 números, e xa no seo de Nova Escola Galega decídese interromper provisionalmente a edición.
A segunda xeira comezou a fins do 2005 cando pasou a ser de periodicidade cuadrimestral. Desde entón defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado, técnicos e profesionais da educación en Galicia; plural e construída desde as posicións de reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada. Un ideario preconizado polo conxunto de Movementos de Renovación Pedagóxica, e singularmente por Nova Escola Galega.

Outras noticias que te poden interesar: