O Consello dan Cultura Galega homenaxea a Concepción Arenal no cárcere da Lama

Este venres cumpríronse 200 anos do nacemento de Concepción Arenal. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no cárcere da Lama coa proxección do filme de ficción “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” e un coloquio no que participaron 230 internos e internas. “Iniciamos os actos de homenaxe visitando o cárcere e traendo connosco a Concepción Arenal, como cremos que a ela lle agradaría” asegurou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación da actividade. Canda ela estaba a directora do Centro Penitenciario, Teresa Delgado, que agradeceu a iniciativa e aproveitou para destacar que “foi unha figura importante e moitos dos avances do sistema penitenciario se deben ao seu legado”. María Xosé Porteiro, vogal do CCG e coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, destacou o valor desta iniciativa.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello dan Cultura Galega homenaxea a Concepción Arenal no cárcere da Lama

A actividade comezou coa proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cáreces” dirixido por Laura Mañá e protagonizada por Blanca Portillo, que aborda a figura e o labor da avogada, escritora e humanista galega que loitou no século XIX por mellorar as condicións de vida de presas e presos, e por reformar as institucións penitenciarias. Á altura de 1863, nun contexto en que a execución pública era un fenómeno de masas e as persoas reclusas non tiñan ningún dereito, Concepción Arenal é nomeada visitadora de cárceres de mulleres. A TV movie conta como, desde a cadea de mulleres da Coruña, inicia a súa loita activa por mellorar as condicións de vida e instrución das presas e por iniciar a reforma das institucións penitenciarias.

No coloquio posterior á proxección participaron Celia Pereira Porto, estudosa da obra de Concepción Arenal; dúas das actrices do filme, Mabel Rivera (Juana de Vega) e Isabel Naveira (María, presa), e a subdirectora de tratamento da cadea, Ana Terlera Bao. Os internos e as internas mantiveron un intenso diálogo en que se abordaron temas como as posibilidades e formas de reinserción, a formación, a maternidade dentro da cadea, a pertinencia dunha figura independente como a que exerceu Concepción Arenal no seu tempo, medidas para evitar a reincidencia así como a perspectiva diferenciada das mulleres dentro da cadea.

O Consello da Cultura Galega leva máis dun ano diversificando os escenarios da súa actividade en relación coas temáticas a analizar. A actividade celebrada este venres no cárcere da Lama encaixa nesta liña de acción e que presidenta destacou no inicio da actividade: “desde o CCG proclamamos que a cultura é un dereito universal, tanto na creación coma no desfrute, e que a cultura galega é un espazo de inclusión onde teñen cabida todos e todas, con independencia das circunstancias e características particulares”. Este é o inicio dun rosario de actividades cos que o Consello da Cultura Galega seguirá homenaxeando e reivindicando esta figura esencial da historia de Galicia ao longo deste ano.

Concepción Arenal
“Odia o delito e compadece o delincuente” é unha das frases máis célebres desta pensadora, avogada, feminista e renovadora nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Foi unha muller extraordinaria que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX, como demostra a súa idea de que “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado da súas facultades á metade do xénero humano”.

Formouse, reflexionou e traballou para liberar as mulleres da predestinación, da ignorancia e da dependencia. Desenvolveu un inxente labor intelectual e publicou preto de corenta libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Foi precursora na reivindicación da capacidade intelectual das mulleres e do dereito a recibiren a mesma educación que os varóns. Desde ben nova dicía que “ser muller non significa ser parva” e quería cursar estudos superiores, algo inaudito nunha muller daquela época. Contra a opinión da súa famlia, comezou a asistir á universidade aos 21 anos, vestida coma un home porque as mulleres tiñan prohibido ser universitarias. Colaborou en revistas e xornais e escribiu poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico. Entre moitas outras obras publicou “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”, un libro en que definía como debía ser a muller do futuro e que o CCG presentará proximamente en versión galega.