Profesionais debaten no Consello da Cultura Galega novos modelos para o mecenado

Coñecer experiencias e casos de boas prácticas de mecenado, abrir un espazo de diálogo, atender á cuestión da arte sobre esta materia son algúns dos asuntos que se analizarán mañá na xornada “A cultura do mecendo”. A cita, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), conta coa presenza de figuras destacadas desde a esfera privada e pública como son David Chipperfield, José Luis Pérez Pont ou José María Arias Mosquera. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o coordinador desta xornada, Fran Quiroga, inaugurarán esta cita, que se poderá seguir en directo desde o web do CCG.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Diferentes especialistas dos ámbitos público e privado comentarán mañá as súas experiencias que permitirán coñecer variadas fórmulas para financiar o dereito á cultura. “O noso obxectivo é ver como se pensa o mecenado en termos de xustiza social, que renda contas, que sexa transparente, que atenda aos retos actuais como son a cuestión demográfica ou a crise climática e que non estamos condicionados polos ciclos políticos” explica Fran Quiroga, coordinador desta cita deseñada para ofrecer unha panorámica ampla.
A primeira mesa ofrece diferentes formas de facer mecenado desde o ámbito privado. Comeza coa actividade da Fundación Carasso, onde a asesora Irene Aláez contará as iniciativas desenvolvidas por esa entidade, como son os proxectos de alimentación sustentable ou de arte cidadá. Agora mesmo esta fundación está a desenvolver un proxecto en Betanzos, no parque do Pasatempo. David Chipperfield explicará (en inglés) a súa visión sobre o territorio a través da Fundación RIA que creou en Corrubedo. O traballo de Valencia na relación entre o público e o privado estará explicado por José Luis Pérez Pont, xerente do Consorci de Museos da Comunitat Valenciana. Esta primeira mesa tamén contará coa participación de José María Arias Mosquera, que explicará un modelo histórico no noso país, como é o da Fundación Barrié.

Tras o descanso terá lugar a segunda mesa panorámica, que pretende analizar o mecenado desde o ámbito público. Isabel Peñalosa amosará as demandas das fundacións en España e en Europa, a través das que se permitirá sentar as bases do que se necesita para facer mecenado. Despois, Borja Álvarez trazará a situación do mecenado en España; mentres que Manuel Vila, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, explicará a situación en Galicia. Pecha esta mesa sobre Administración pública, o caso de Gipuzkoa, a cargo do deputado foral de Facenda e Finanzas, Jabier Larrañaga.
A sesión da tarde posibilitará o traballo en grupo das persoas participantes grazas á facilitación da cooperativa Rexenerando. O obxectivo deste proceder, en palabras de Fran Quiroga, “é establecer unhas liñas de acción futuras que atendan a criterios de corresponsabilidade, xustiza social... e que non dependan da lexislación, senón de canalizar uns intereses e valores compartidos que xa existen”. Despois desta dinámica participativa, haberá unha posta en común que permita establecer unhas conclusións.

Esta xornada, organizada polo Consello da Cultura Galega, conta coa colaboración da Fundación Daniel y Nina Carasso e de Concomitentes, entidade que promove a creación de obras de arte e media entre a sociedade civil que as encarga e os/as artistas que as producen.

Outras noticias que te poden interesar: