----

Unha experiencia rexistrará a identidade sonora de Compostela

Corenta puntos do casco histórico, corenta rexistros simultáneos e o son da Berenguela. Estas son algunhas das características da experiencia “Identidade sonora de Compostela” que mañá guiará Xosé Ramón Pousa, director do Arquivo Sonoro de Galicia, pola zona monumental de Santiago. Esta iniciativa forma parte do programa da xornada “Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio”, que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza ata xoves coa intención de poñer o foco na importancia que o son ten para a memoria e no desatendido que está este tipo de patrimonio. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita, que concentra durante dous días a especialistas no rexistro e tratamento de recursos sonoros.

“Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio” é unha cita que pretende concienciar sobre o valor identitario do son e afondar nas técnicas de dixitalización que permitan a súa conservación para o futuro. Durante dous días, recoñecidos especialistas con longa experiencia ofrecerán o son como memoria, como fonte de documentación e como identificador dun país. A xornada comeza coa intervención de Miquel Termens Graells, decano da Facultade de Información e Medios Audiovisuais da Universitat de Barcelona, que dará as claves de como almacenar un documento sonoro para o futuro. Despois, Ángeles Afuera, investigadora da Universidad Complutense de Madrid e exdirectora dos arquivos da Cadena Ser, intervirá para explicar como a radio pode ser unha fonte documental sonora.
Pecha a mañá do mércores o investigador e etnomusicólogo Iñigo Sánchez, que ofrecerá a súa experiencia de como se pode apreciar a transformación dun barrio histórico dunha cidade como Lisboa a través do son. As sesións expositivas continúan o xoves con Javier Suárez Quirós, profesor da Universidad de Oviedo, que falará de “Mapas sonoros e culturas emerxentes: Unha metodoloxía para a análise acústica perceptiva e afectiva das paisaxes sonoras nas Smart Cities”. Pecha esta cita unha mesa redonda na que Xabier Erkizia, Manuel Gago e Paulo Marques falan dos mapas sonoros de Euskadi, Galicia e do proxecto portugués “Natural soundscapes in a changing world”.

A experiencia
O programa reserva a tarde do mércores para explicar unha experiencia sonora á que están convidadas a participar as persoas inscritas neste seminario. A proposta consiste en gravar simultaneamente o son ambiente en corenta puntos do casco histórico compostelán cunha serie de indicacións e pautas. O son da campá da Berenguela será o elemento integrador en toda a experiencia, que se subirá posteriormente ao Mapa Sonoro de Galicia.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización.

Hoxe en día o ASG conta con máis de 20 000 rexistros sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Unha das xoias do ASG é a colección de máis de setecentos discos de pedra producidos en Galicia ou con contidos galegos, moitos dos cales xa se poden oír na web do Arquivo. As “lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte son gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons de Galicia.