Versións de coñecidas cancións destacan nas novas incorporacións ao proxecto “Lousas”

As voces das sopranos galegas Mary Isaura e Matilde Vázquez xunto con novas interpretacións dos coros “Cántigas da Terra” e de “Toxos e Froles” son algunhas das gravacións que se poden atopar na oitava entrega do proxecto “Lousas”. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG).
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Mary Isaura foi unha soprano estradense que tiña unha das voces máis exitosas no panorama musical dos anos vinte. Nesta ocasión podes escoitala no cadro primeiro da zarzuela “Molinos de Viento” e en dous números musicais de “Las leandras”, revista musical composta por Francisco Alonso. Nesta entrega tamén se poderá escoitar a voz doutra soprano galega, Matilde Vázquez, na zarzuela “La Caramaba” de Federico Moreno Torroba con libreto de Luis Fernández Ardavín.
Nesta nova quenda ofrécese dous populares temas galegos a cargo da mezzosoprano catalá Conxita Supervía (1895-1936): "Adiós a Mariquiña" (música de Chané e letra de Curros Enríquez) e "Meus amores" (música de Baldomir e letra de S. Golpe). Destaca tamén a versión instrumental da célebre conga "Para Vigo me voy" de Ernesto Lecuona (Cuba 1895-Tenerife 1963). Esta versión está feita polo grupo liderado por Lorenzo Pego: Pego y sus Diplomáticos, creado en 1930. O disco está editado en Camden, New Jersey, en 1936.

O Proxecto Lousas
É unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. A iniciativa, que se fixo pública en 2019, posibilita a difusión de rexistros sonoros que van desde a primeira gravación sonora galega que se conserva, que é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904 ata rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; xunto con composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra” interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto….
Este fondo que agora se pon na rede chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.

Consulta as Lousas