Expertos propoñen no Consello da Cultura Galega unha axenda para acadar unha cultura do mecenado

“O mecenado non é unha cousa de ricos, senón que todo o mundo pode achegar o seu gran de area na medida das súas posibilidades” asegurou Fran Quiroga, coordinador da xornada “A Cultura do mecenado” que se desenvolveu hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita permitiu coñecer diferentes modelos e elaborar nun documento que propón un itinerario cara a unha cultura do mecenado. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, indicou na inauguración “a necesidade deste tipo de citas que aúnan a preocupación da institución pola situación das fundacións e polo reto do mecenado”; e a vogal da Comisión Executiva, María Xosé Porteiro, lembrou o “interese por afondar na idea da corresponsabilidade e nas formas de financiamento da cultura a todos os niveis, sobre todo agora que temos un novo Xacobeo ás portas”.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Expertos propoñen no Consello da Cultura Galega unha axenda para acadar unha cultura do mecenado

A xornada do mecenado rematou hoxe co establecemento dunha axenda que sitúe a Galicia na cultura do mecenado actual. Iso tradúcese en buscar espazos estables de colaboración entre a cidadanía, a administración e as empresas; en acadar dun novo marco fiscal; en facilitar a corresponsabilidade cidadá no coidado do patrimonio; en atender aos retos contemporáneos e non entender a cultura como un espazo que asume as ausencias da administración. Ese documento, que se dará a coñecer proximamente e se difundirá entre as diferentes administracións, pretende sentar a folla de ruta para mudar a situación do mecenado e na que Galicia podería marcar un camiño.
O documento foi tamén o resultado dunha serie de grupos de traballo organizados pola cooperativa Rexenerando co obxectivo de tecer un ecosistema máis favorable ao redor do mecenado. Chegou despois das sesións de debate nas que se abordaron as fórmulas de financiamento, se amosaron diferentes exemplos e se avogou por buscar un mecenado que se entenda como unha ferramenta para mellorar a calidade da vida das persoas.

O financiamento
Micromecenados, donativos, legados, doazóns... son moitas as fórmulas polas que a cidadanía pode participar en proxectos culturais e tamén variados os formatos de exención fiscal que permite a lexislación, que van desde desgravacións do 75% para os donativos menores de 150 euros e primas en función da antigüidade da colaboración ata mudanzas nos suxeitos beneficiarios dese mecenado. Sobre todas elas se falou na xornada que tamén reservou un espazo para ver outros modelos. En España, segundo explicou Isabel Peñalosa, directora de Relacións Institucionais da Asociación Española de Fundacións, existen rexistradas máis de 14.000 fundacións que se caracterizan por “un gran minifundismo fundacional” e a falta dunha “maior colaboración”. Nese marco, expuxéronse algunhas experiencias que teñen que ver con Galicia e que marcan un cambio de modelo.

Unha delas foi a Fundación Carasso, entidade creada polo fillo do Fundador da empresa Danone, que agora mesmo está a desenvolver un proxecto de arte cidadá en Betanzos; ou o modelo explicado polo arquitecto David Chipperfield que a través da Fundación RIA desenvolve proxectos para mellorar a calidade de vida do Barbanza. “Partíamos da pregunta de por qué hai espazos tan feos en Galicia tendo unha materia prima tan boa. A resposta vímola axiña, o problema está na destrución da identidade deses pobos por mor do tráfico, do éxodo da xente nova, dos edificios baleiros, da desconexión da terra e do mar por parte da cidadanía” explicou. O traballo desta entidade, segundo explicou na súa intervención, pasa por actuar como axente mediador entre as adminstracións, as cidadanía e outras entidades (purxo como exemplos recentes a Universidade de Santiago, A Fundación Santander ou a Universidade de Munich) para desenvolver proxectos e investigacións que axuden a mellorar a calidade da vida das persoas que viven nesta zona. O terceiro exemplo chegou da man dunha entidade histórica como é a Fundación Barrié. O seu presidente, José María Arias Mosquera, centrou a súa intervención no compromiso desta fundación sobre a sociedade e na complicada tarefa de como adaptar os seus cometidos as necesidades actuais.

Un cambio de modelo
Todos os participantes na xornada “A cultura do mecenado” coincidiron na necesidade de ir máis alá de buscar fórmulas fiscais que premien a participación cidadá. “Non se trata só de apoiar proxectos, senón tamén facer as cousas doutro modo para ir cambiando o ecosistema” en palabras de Irene Aláez, asesora de Arte Cidadá da Fundación Carasso. O deputado foral de Guipúzkoa, Javier Larrañaga, apuntaba a dirección “se queremos que unha sociedade avanzada temos que facer un camiño compartido, e iso implica necesariamente pasar por dous conceptos: experimentación e gobernanza colectiva”. Na súa opinión os incentivos fiscais non son o importante (de feito Guipúzkoa eliminou a exención fiscal do 75% dos donativos inferiores a 150 euros) a ruta “é a concienciación, buscar a participación e a corresponsabilidade”.

Esta xornada, organizada polo Consello da Cultura Galega, conta coa colaboración da Fundación Daniel y Nina Carasso e de Concomitentes, entidade que promove a creación de obras de arte e media entre a sociedade civil que as encarga e os/as artistas que as producen.