Unha xornada do Consello da Cultura Galega alerta das dificultades do patrimonio sonoro

“Hoxe xa non é doado explicar por que o meu carro canta, nin por que o son é fino como un asubío. Para facelo necesitariamos moito tempo e unhas gravacións sonoras” explicou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez ao presentar unhas xornadas nas que se falou da importancia de comprender o son como ben patrimonial; das dificultades para a súa conservación, da disparidade de mapas sonoros existentes e na que se cuestionaron que criterios se miden para discriminar os ruídos permitidos legalmente do que non. Os expertos participantes nesta cita chamada “Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio”, alertaron da necesidade do rexistro, difusión e maior sensibilización do patrimonio sonoro. Xosé Ramón Pousa foi o coordinador desta cita que rexistrou a “identidade sonora de Compostela”.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Nesta cita vimos moitos exemplos de como o son forma parte substancial da nosa vida e a necesidade do seu rexistro e arquivo” explicaba Xosé Ramón Pousa como unha das conclusións dunha cita que amosou a pertinencia deste tipo de foros para conseguir unha maior sensibilización sobre o patrimonio sonoro. No marco desta xornada falouse do son como elemento identitario necesario na preservación da memoria, pero tamén de aspectos cotiás como a Lei de Contaminación Acústica (coñecida como lei do ruído). Neste eido, o investigador da Universidade de Oviedo, Javier Suárez, cuestionou na súa intervención os parámetros que marcan que ruídos son legalmente molestos dos que non. Aludiu que a normativa se basea na intensidade, mentres que existen outros criterios como a frecuencia, o ton ou a amplitude que poden ser máis molestos que o ton e que son perfectamente legais. Na súa intervención defendeu a necesidade de distinguir entre “o son, que escoitas con placer, e o ruído, que é molesto”.

A memoria e a conservación
Durante dous días expuxéronse as dificultades e os retos na conservación do son. Sobre este aspecto falaron Miquel Termens Graells, decano da Facultade de Información e Medios Audiovisuais da Universitat de Barcelona, que deu as claves de como almacenar un documento sonoro para o futuro; e Ángeles Afuera, a que foi directora dos arquivos da Cadena Ser e investigadora da Universidad Complutense de Madrid que apuntou á pertinencia da radio como fonte documental sonora.

A xornada completouse cunha mesa redonda na que se viu a disparidade e falta de homoxeneidade de tres proxectos: os mapas sonoros de Euskadi, Galicia e do proxecto portugués “Natural soundscapes in a changing world”.

A experiencia
No marco do programa realizouse unha “experiencia” que consistía en rexistrar a identidade sonora de Compostela para despois subila ao Mapa Sonoro de Galicia. Na tarde do mércores, trinta participantes, seguindo unhas indicacións establecidas por Xosé Ramón Pousa, realizaron gravacións ambientais do son do casco histórico compostelá. As gravacións simultáneas rexistraron o son ambiente da cidade entre as 16:55 e as 17:05, coa campá da Berenguela como elemento común.