----

A conferencia de Danniel Innerarity abre o foro sobre a identidade galega na globalización

Un espazo de reflexión para situar a identidade galega nun contexto global e, ao mesmo tempo, lembrar que un século antes a xeración Nós se situou na mesma perspectiva. Con estes dous propósitos o Consello da Cultura Galega (CCG) súmase ao Museo do Pobo Galego na organización da sexta edición do foro “A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, lingua e cultura”. Unha iniciativa que deron a coñecer esta mañá a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; e os dous coordinadores: Dolores Vilavedra e Uxio Breogán. Rosario Álvarez destacou que “sumamos esforzos para colocar o foco nas identidades e darlles continuidade ás preocupacións xa formuladas pola xeración Nós”.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
A conferencia de Danniel Innerarity abre o foro sobre a identidade galega na globalización

Dolores Vilavedra explicou na presentación que “nos sumamos a unha actividade que o Museo do Pobo Galego xa estaba organizando e que encaixa coma unha luva nas liñas programáticas do CCG e tamén nos permite fuxir da cultura do evento e da efeméride”. O foro organízase en cinco mesas de traballo que debaterán cuestións de especial relevo a partir dos eixes da identidade cultural galega en tempos de globalización.
O foro ten unha parte pechada na que os diferentes profesionais que conforman cada grupo de traballo fan reflexións e posta en común. Despois, entre abril e outubro, terán lugar diferentes sesións públicas nas que se expoñerán os primeiros resultados das análises de cada grupo. Os diversos textos resultantes reuniranse nunha publicación, coa que se pretenden achegar ideas para que a sociedade galega poida repensar o que é e o que quere ser no século XXI.

Conferencia inaugural
O foro bota a andar o vindeiro mércores 12 de febreiro coa conferencia de Daniel Innerarity, catedrático de Filosofía Política, investigador "Ikerbasque" na Universidade do País Vasco, director do seu Instituto de Gobernanza Democrática e profesor do Instituto Europeo de Florencia. Baixo o título “Quen somos nós? A identidade colectiva na globalización” proporá unha reflexión global sobre as transformacións sociais e políticas, a necesidade de crear un novo tipo de cidadanía, repensar os espazos e mudar as formas de goberno, nas que impera a necesidade de pensar sobre o outro.

Mesas de traballo
A primeira das mesas públicas terá lugar o 16 de abril no Consello da Cultura Galega e ten como título “A identidade cultural galega en tempos de globalización”. Paulo Carlos López será o encargado de coordinar a Ramón Villares, Henrique Monteagudo, Antía Pérez e Olga Castro.
A Facultade de Filosofía da USC acollerá en maio a segunda das mesas, que afondará na “Identidade, patrimonio cultural e territorio”. María Nieves, Rubén Camilo Lois, Gonzalo Navaza e Cristina Sánchez Carretero participan nesta cita coordinada por Concepción Losada Vázquez.
No mes de xuño chegará o momento de reflexionar sobre os “Medios de comunicación, novas tecnoloxías e identidade”. A Facultade de Xornalismo acollerá esta mesa, coordinada por Ramón Vilar Landeira e na que participan Valeira Pereiras, Martín García, Miguel Anxo Fernández e Manuel Gago.
A cuarta mesa titúlase “Cultura popular, identidade e sociedade civil”. Terá lugar no mes de setembro na Facultade de Filosofía e contará coa participación de Antón Baamonde, Luzia Oca, Xerardo Pereiro e Celso Fernández. Prudencio Viveiro será o coordinador desta cita.
O foro péchase en outubro no Museo do Pobo Galego. Baixo o título “Crear en galego nun mundo globalizado”, Manuel Blanco será o coordinador do grupo formado por Manuel Bragado, Xosé Manuel Aldea, Antía López e Uxío Novo.

Outras noticias que te poden interesar: