A presidenta do Consello da Cultura Galega participa mañá nunha das actividades organizadas por esta institución para complementar a exposición “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1930-1936)”. A cita coa participación de Josep Solervicens, vicedecano de Investigación e Relacións Internacionais; Gaston Gilabert, director da Aula de Teatro de Filoloxía da UB; Carlos Mandianes, presidente do Centro Galego de Barcelona. A conferencia de Rosario Mascasto leva por título "Galeguidade e a tradución no Valle Inclán across-borders" e nela tentará profundar en aspectos como o atlantismo e nas particulares características da súa narrativa breve.
“Outros verbos, novas lecturas”
A exposición está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos coñecida de Valle-Inclán e que permiten ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria, “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia, despois en Italia e en Rusia”.
A exposición, que estará aberta ata o 20 de febreiro, ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo; pero tamén recupera unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes.
“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia), pero tamén cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes países). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.
A exposición, inaugurada en Santiago en 2014, chega Barcelona despois de estar en Lisboa na sede do Instituto Cervantes, en Madrid, na Residencia de Estudantes e en Roma na Academia de España, entre moitos outros destinos de Italia, España e Portugal.