Daniel Innerarity abre mañá o Foro sobre a identidade galega cunha conferencia no Consello da Cultura Galega

O catedrático de Filosofía Política Daniel Innerarity abre mañá (mércores 12 ás 18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) o foro “A identidade galega no mundo da globalización”. Unha cita que pretende situarnos nun contexto global e recuperar un debate que iniciou a xeración Nós un século antes. A conferencia inaugural ten como título “Quen somos nós?” e afondará nas transformacións sociais e políticas actuais, na necesidade de crear un novo tipo de cidadanía e nas diferentes formas de goberno. O vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, será o encargado de presentar esta cita, que se poderá seguir en directo desde o web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Daniel Innerarity é catedrático de Filosofía Política, investigador "Ikerbasque" na Universidade do País Vasco, director do seu Instituto de Gobernanza Democrática e profesor do Instituto Europeo de Florencia. Mañá impartirá unha conferencia titulada “Quen somos nós? A identidade colectiva na globalización”, na que fará unha reflexión que partirá da esencia, das historias cotiás e inexpertas, para ir tecendo un discurso sobre o familiar e o estraño, sobre o noso coñecemento sobre o outro para converxer na construción da universalidade.

O Foro sobre as identidades
Esta conferencia supón tamén a apertura do foro sobre as identidades que coorganizan o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega. A proposta artéllase en cinco mesas de debate que se realizarán entre abril e outubro e que teñen unha parte pechada e outra pública.
A primeira das mesas públicas terá lugar no CCG o 16 de abril e ten como título “A identidade cultural galega en tempos de globalización”. Paulo Carlos López será o encargado de coordinar a Ramón Villares, Henrique Monteagudo, Antía Pérez e Olga Castro.
A Facultade de Filosofía da USC acollerá en maio a segunda das mesas, que afondará na “Identidade, patrimonio cultural e territorio”. María Nieves, Rubén Camilo Lois, Gonzalo Navaza e Cristina Sánchez Carretero participan nesta cita coordinada por Concepción Losada Vázquez.
No mes de xuño chegará o momento de reflexionar sobre os “Medios de comunicación, novas tecnoloxías e identidade”. Na Facultade de Xornalismo desenvolverase esta mesa, coordinada por Ramón Vilar Landeira e na que participan Valeira Pereiras, Martín García, Miguel Anxo Fernández e Manuel Gago.
A cuarta mesa titúlase “Cultura popular, identidade e sociedade civil”. Terá lugar no mes de setembro na Facultade de Filosofía e contará coa participación de Antón Baamonde, Luzia Oca, Xerardo Pereiro e Celso Fernández. Prudencio Viveiro será o coordinador desta cita.
O foro péchase en outubro no Museo do Pobo Galego. Baixo o título “Crear en galego nun mundo globalizado”, Manuel Blanco será o coordinador do grupo formado por Manuel Bragado, Xosé Manuel Aldea, Antía López e Uxío Novo.
De cada mesa, coa súa correspondente exposición pública, sairá un documento. Os cinco textos finais reuniranse nunha publicación, coa que se pretende achegar ideas para que a sociedade galega poida repensar o que é e o que quere ser no século XXI.

Outras noticias que te poden interesar: