NOTICIA

----

A Universidade do Minho distingue a Ángel Carracedo co título Doutor Honoris Causa

O membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, Ángel Carracedo, é distinguido co título honorífico de Doutor Honoris Causa pola Universidade do Minho. A institución portuguesa acordou esta distinción por ser “por ser unha personalidade impar da sociedade académica e científica internacional”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, asiste á sesión solemne que terá lugar o luns 17 (10:00 hora local) no Salón Medieval da reitoría en Braga.



A institución portuguesa destaca que Ángel Carracedo “é recoñecido non só polo seu traballo con impacto nos dominios da xenética forense, clínica e de poboacións, mais tamén na aplicación dos seus estudos para beneficio da sociedade, con importantes contribucións na área da farmacoxenética”. Asemade, destacan “as súas enormes contribucións para a cultura galega, sendo un impulsor fervoroso da literatura científica na difusión de valores científicos e humanos”. Este recoñecemento concédese a personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional.

Ángel Carracedo
Nado Santa Comba en 1955 é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago. É o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia), do Instituto de Medicina Legal de Santiago (desde 1994), do Centro Nacional de Genotipado (nodo USC) e do grupo de investigación de Medicina xenómica.

Ten máis de 12 libros e 550 artigos en revistas SCI en Medicina Xenómica, Xenética clínica e Xenética forense e de poboacións incluíndo artigos en “Nature”, “Science”, “Nature Genetics”, “PNAS”, “American Journal of Human Genetics”, ademais das principais revistas de genética e medicina forense.
Ten dirixido máis de 50 teses de doutoramento (todas coa máxima calificación e 19 con Premio Extraordinario do Doutoramento). Membro do board de sociedades nacionais e internacionais de xenética e cancro. Presidente da Sociedad Española de Farmacogenética e Farmacogenómica. Vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal (desde 2000). Presidente da Academia Mediterránea de Ciencias Forense. Expresidente da International Society for Forensic Genetics. Membro de organismos reguladores (EMEA, Forensic DNA Regulator UK, DNA ISFG Commission). Editor da revista “Forensic Science International: Genetics” e membro do consello editorial de 15 revistas internacionais de xenética e medicina forense.

Recibiu numerosos premios de investigación entre os que destacan Premio Rey Jaime I, Medalla Galien, Premio Galicia de Investigación, Medalla Castelao, Premio Novoa Santos, Medalla de Galicia, Cruz al Mérito Policial, entre outros. Ademais, é Doutor Honoris Causa por varias universidades.