NOTICIA

----

Unha xornada analiza a pintura rupestre esquemática descuberta recentemente

Representan esquemáticas figuras humanas acompañadas de motivos xeométricos, dunha soa cor que foi aplicada coa xema do dedo ou con pinceis. As pinturas rupestres esquemáticas, tamén chamada arte esquemática pintada, apareceron recentemente en espazos como a Cova dos Mouros (Baleira, Lugo), Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), Casaio (Valdeorras, Ourense) ou a Cerca das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán (Monterrei e Oímbra, Ourense). A descuberta, o estudo e a significación destes achados nunha visión de conxunto centran a xornada “Paisaxes tatuadas” que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, serán as encargadas de abrir esta cita (16:15 horas), que fai a número 29 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. A sesión poderá seguirse en directo na rede.

Beatriz Comendador, arqueóloga e investigadora da Universidade de Vigo, e Lara Bacelar, investigadora da Universidade de Coimbra, son as dúas coordinadoras deste encontro que pretende facer un balance público e integrado dunha liña de investigación que leva máis dunha década en marcha. Un traballo que empezou a dar os seus froitos nestes dous últimos anos co achado de sitios con pintura rupestre esquemática ou arte esquemática pintada nas áreas surorientais de Galicia que, ademais, destaca o seu enorme potencial.

O programa
Na súa intervención Beatriz Comendador falará da pintura rupestre da comarca de Monterrei (Ourense) e explicará os achados recentes do proxecto arqueolóxico desenvolvido no Castelo de Lobarzán/A Cerca das Laxes das Chás, onde atoparon pinturas rupestres de tradición esquemática realizadas sobre granito. Pola súa parte, Lara Bacelar ofrecerá unha visión de conxunto das tradicións de arte prehistórica do noroeste peninsular e poñerá o foco nun proxecto de intervención realizado no concello de Vilardevós.
O programa do encontro completarase cunha intervención que afonda nas pintura rupestre de Casaio, localizadas en Carballeda de Valdeorras, Ourense, a cargo de Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC), Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/Universidade de Santiago de Compostela) e Manuel Santos (Universidade do Minho). Tamén haberá unha conferencia de Andrea Martins, investigadora da Universidade de Lisboa, sobre símbolos, artefactos e arte esquemática na Península Ibérica.

Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Levan en marcha desde o ano 2015 e analizaron desde o estado de erosión do illote de Guidoiro Areoso; o parque arqueolóxico do Vale do Terva, ou os obxectos da idade do bronce investigacións sobre unha serie de materiais do Bronce Final; ou os conxuntos históricos de Vigo, Santiago, Ferrol, Ourense e Ribadavia.