Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural poñen en valor as pinturas rupestres esquemáticas, que serán declaradas Ben de Interese Cultural

Cova dos Mouros (Baleira, Lugo), Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), Casaio (Valdeorras, Ourense) e a Ceadá das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán (Monterrei e Oímbra, Ourense) son catro núcleos nos que apareceron diferentes mostras de pintura rupestre esquemática. E os catro espazos serán declarados Ben de Interese Cultural. Así o anunciou Beatriz Comendador, unha das coordinadoras da xornada “Paisaxes tatuadas” coa que o Consello da Cultura Galega pretendía analizar de xeito integrado este tipo de manifestacións artísticas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a pertinencia deste tipo de encontros que conectan a sociedade coa investigación. Pola súa parte, a coordinadora da Sección de Patrimonio, Rebeca Blanco-Rotea, lembrou que esta xornada suma o número 29 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que cumpren cinco anos fomentando a comunicación e o debate arredor de espazos singulares.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“É moi interesante ver como as comunidades asentadas aquí foron facendo unha marcación, unha especie de tatuaxe na paisaxe, que ten xa 6.000 anos e que nos foi deixando pistas sobre eles” afirmou Beatriz Comendador sobre o achado de pinturas rupestres esquemáticas en diferentes espazos surorientais provincias de Ourense e de Lugo. Unhas descubertas que son o resultado de dez anos de investigacións de Comendador e de Lara Bacelar á que se foron sumando diferentes grupos das Universidades de Santiago, Vigo, do Incipit-CSIC pero tamén das Universidades do Minho, Coimbra e Lisboa. “Sabíase da arte rupestre gravada no litoral, pero case nada do interior de Galicia e iniciamos un camiño de colaboración transfronteiriza que hoxe podemos poñer en común” asegurou Comendador. No noroeste peninsular contabilízanse a día de hoxe uns 52 sitios con manifestacións deste tipo de arte.
No marco da xornada anunciaron que se iniciou o expediente de tramitación de Ben de Interese Cultural (BIC) que fixará a delimitación e as características singulares de cada un dos núcleos. Agora ben, como a lei establece que “son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao ar libre que conteñan manifestacións de arte rupestre” cómpre este trámite administrativo que lle dará concreción e unha maior seguridade. Na opinión da coordinadora, esta declaración é moi necesaria porque “por poñer un exemplo, notamos que cada vez que entramos en espazos na Coba de Lobarzán hai alteracións no suelo, por non falar do perigo de ser pasto dos lumes”.

Características comúns da arte esquemática
A simplificación formal, o monocromatismo, a súa aplicación coa xema do dedo ou con pinceis, son algúns dos trazos máis característicos desde tipo de manifestacións artísticas. A cor máis empregada é o vermello, resultado de pigmentos de uso mineral e aglutinados con auga ou algunha materia graxa, aínda que poden aparecer outras cores. Estas formas representan a figura humana reducida aos seus trazos máis elementais, acompañada de motivos xeométricos, xeralmente obtidos a partir de liñas con ángulos rectos, manchas de puntos e aliñacións de barras verticais e ocasionais representacións de figuras solares e de cuadrúpedes. Na presentación da xornada, as coordinadoras destacaron “que as imaxes parecen funcionar máis como ideogramas, sendo menos frecuente a representación de escenas” e os motivos que aparecen son escenas de caza e de pastoreo.

Os xacementos estudados (Penedo Gordo e Cova dos Mouros) están datados entre o 3.800 e o 2.500 antes de cristo e, segundo a impresión de Beatriz Comendador “parece que temos unha secuencia de sociedades neolíticas, da etapas dos metais... que nos falan doutras culturas, doutra forma de vivir o territorio e da capacidade do seu pensamento simbólico”.

Dos estudos de caso a un contexto xeral
Na súa intervención Beatriz Comendador falou das pinturas rupestres existentes en dous espazos: un deles no Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chás, nos concellos ourensás de Monterrei e Oímbra onde atoparon pinturas rupestres de tradición esquemática realizadas sobre granito; o outro é o de Penedo Gordo, integrable de xeito hipotético nun período entre o neolítico medio e o neolítico final, aínda que non se poden descartar datacións anteriores. Precisamente neste último espazo traballou coa outra coordinadora da cita, Lara Bacelar.
As pinturas rupestres de Casaio, as máis grandes e mellor conservadas de Galicia están localizadas no concello ourensá de Carballeda de Valdeorras. Foron explicadas por Carlos Tejerizo (Incipit-CSIC) e Francisco Alonso (Estela Arqueoloxía e Patrimonio/Universidade de Santiago de Compostela).
A xornada destinou tamén unha segunda parte a contextualizar estes achados. Nesa liña houbo dos relatorios, un deles o de Andrea Martins, investigadora da Universidade de Lisboa, que falou de símbolos, artefactos e arte esquemática na Península Ibérica; o outro foi o de Lara Bacelar quen ofreceu unha visión de conxunto das tradicións de arte prehistórica do noroeste peninsular.

Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha arredor de espazos patrimoniais. Fanse con carácter periódico e buscan a participar tanto na caracterización como na formulación dos tipos de protección dos bens. Levan en marcha desde o ano 2015 e neste tempo analizaron desde o estado de erosión do illote de Guidoiro Areoso; o parque arqueolóxico do Vale do Terva, ou os obxectos da idade do bronce investigacións sobre unha serie de materiais do Bronce Final; ou os conxuntos históricos de Vigo, Santiago, Ferrol, Ourense e Ribadavia.

Outras noticias que te poden interesar: