NOTICIA

----

A figura de Leopoldo Nóvoa centra unha nova sesión do ciclo "En modo conversa"

Espazo, materia e luz son tres elementos centrais da obra de Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, 2012), unha figura que centra mañá unha nova edición do ciclo do Consello da Cultura Galega (CCG) “En modo conversa”. A cita é unha proposta da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que pretende afondar nun dos grandes referentes da arte abstracta da segunda metade do século XX, cando se acaban de cumprir cen anos do seu nacemento. A xornada poderá seguirse en directo a través do web da institución.

Leopoldo Nóvoa é unha figura esencial para comprender a plástica contemporánea. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e prolífica existencia en países e circunstancias moi dispares. A súa condición nómade na busca de acomodo, espazo e lugar onde asentarse, transmitiuse coma unha luva na súa arte. Tras o incendio do seu estudo parisiense, atopou na súa casa da Armenteira a resposta a moitas interrogantes conceptuais do seu traballo. As cinzas que atopaba cada mañá cando limpa a cheminea convertéronse na base dunha pintura dramática que el mesmo trasladou como “é a cinza, porque é algo que foi e se transformou en nada, é esgotamento, do mesmo xeito que a nosa atormentada sociedade…”.
O pasado 17 de decembro de 2019 cumpriuse o centenario do seu nacemento e esta xornada pretende aproveitar a efeméride para reflexionar sobre un dos grandes referentes da arte abstracta da segunda metade do século XX, tanto dentro coma fóra de Galicia. A sesión conta con dúas partes. Na primeira emitirase o documental “Novoa 1919-2019”, dirixido por Xurxo Lobato. Producido polo Museo de Pontevedra para a exposición homónima, dura 18 minutos nos que figuras como Xerardo Estévez, Celestino García Braña, Antón Patiño, Mancho Pereiro, Quintana Martelo, Rosario Sarmiento, Ramon Rozas, Sofía Santos, Xavier Seoane e Adolfo Sobrino falan dos seu recordos e impresións do artista. Na segunda haberá unha conversa moderada por Rosario Sarmiento e na que participan Celestino García Braña, arquitecto e vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, e o galerista Adolfo Sobrino.

En modo conversa
Esta xornada continúa un formato de conversa e de diálogo que se iniciou en 2019 coa intención de establecer un espazo de reflexión sobre arte e creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadoras/es, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias.

A primeira das citas comezou na primavera de 2019 cun debate arredor da formación do mundo artístico. Por diante abordaranse novos espazos relacionados coa creación, a xestión, o coleccionismo, a dirección de museos ou fundacións, a filosofía, a docencia…, para poder ir así construíndo unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.