NOTICIA

----

Rosario Álvarez asiste en Madrid á entrega do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe a Guadi Galego

A cantante galega Guadi Galego recibe mañá en Madrid Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español polo seu disco “Immersion”. Trátase dun galardón que conceden os gobernos das seis comunidades autónomas con linguas propias, que levaba dez anos sen entregarse e que por primeira vez recae nunha artista. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, asistirá ao acto de entrega, que terá lugar mañá, na véspera do Día Internacional da Lingua Materna, no Círculo de Belas Artes.
Rosario Álvarez asiste en Madrid á entrega do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe a Guadi Galego

Rosario Álvarez asistirá á entrega dun galardón que levaba máis de dez anos sen concederse e que recaeu na artista galega polo seu último disco, “Immersion”. Este traballo conta con temas musicais en diferentes linguas e constitúe “unha revisión en sete linguas afíns a Guadi, por territorio, cultura e emoción. Unha reinterpretación da súa propia música”, segundo figura no seu propio sitio web. O disco conta con colaboracións de artistas das diferentes comunidades. A entrega do galardón ten lugar mañá na véspera do Día Internacional da Lingua Materna impulsado pola Unesco (21 de febreiro).

Os responsables institucionais, Miren Dobaran, viceconselleira de Política Lingüística do Eusko Jaurlaritza-Goberno Vasco; Ester Franquesa, directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Rubén Trenzano, director xeral de Política Lingüística e Xestión do Multilingüismo da Generalitat Valenciana; Mikel Arregi, director xerente de Euskarabidea/Instituto Navarro do Éuscaro do Nafarroako Gobernua-Goberno de Navarra, e Agustina Vilaret e Beatriu Defior, secretaria de Universidade, Investigación e Política Lingüística e directora xeral de Política Lingüística do Govern Illes Balears, respectivamente, asisten ao acto de entrega, de carácter institucional, que terá lugar pola mañá.

O premio
O galardón foi instaurado en 2008 con motivo do Ano Internacional das Linguas promovido pola Unesco, recoñece o labor realizado por persoas, entidades ou empresas no ámbito da defensa e a promoción da diversidade lingüística de España e a contribución á difusión das linguas oficiais xunto co castelán. Este premio recaeu en edicións anteriores en empresas como Microsoft ou Eroski, e é a primeira vez que se lle concede a unha persoa particular.

O concerto
As seis comunidades que conceden o premio tamén promoveron o concerto que a artista galega dará en Callao City Lights/Cines Callao, ás 20,00 horas, no que participarán, entre outros colaboradores do disco “Immersion”, o artista vasco Mikel Urdangarin, a aranesa Alidé Sans, a catalá Clara Peya e a cordobesa Vega. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, aínda que cómpre confirmación e retirada previa de convites.